publicidade hoxe

Medio Ambiente colabora na redacción dun plan de acción para eliminar a herba da pampa no Arco Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleirosPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará na redacción dun Plan de acción para eliminar a herba da pampa (cortaderia selloana) no arco Atlántico. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta mañá na presentación da xornada sobre este futuro plan de acción para avanzar na eliminación da planta invasora, dentro do proxecto comunitario LIFE Stop Cortaderia, que analizará e tratará a eliminación desta herba desde a Costa Oeste de Francia, o Arco Norte de España e Portugal.

Do Campo avanzou que a redacción do plan de acción ten por obxectivo establecer a estratexia de actuación e os recursos necesarios para erradicar a coñecida como herba da pampa ou plumacho da Comunidade autónoma de Galicia. Lembrou que a composición deste plan realizase no marco do Proxecto LIFE Stop Cortaderia, que está coordinado pola Asociación Amica, e no que a Xunta de Galicia tamén participa como cofinanciadora.

A directora xeral explicou que o establecemento de prioridades para afrontar a erradicación de especies exóticas invasoras é un aspecto no que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ten traballado nos últimos anos. Recordou que xa ten traballado nunha proposta técnica de Plan estratéxico para a xestión das especies exóticas invasoras en Galicia. Este documento supón un primeiro paso para abordar este problema dun xeito transversal na Administración, priorizando as actuacións de prevención e actuación temperá baseadas nun sistema estandarizado de análise de riscos e de seguimento ambiental, así como aumentar a sensibilización e a educacións sobre os riscos que esta especie implican para a biodiversidade galega.

Así, nos próximos meses SEO/BirdLife xunto ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida) -socios colaboradores- levarán a cabo os traballos de cartografiado da área de distribución do plumeiro en Galicia, a avaliación da incidencia e da perigosidade da especie en cada área, dacuerdo coa vulnerabilidad á invasión.

O LIFE Stop Cortaderia está coordinado pola Asociación Amica e participan como socios AMPROS, SERCA, SEO/BirdLife, a Cámara Municipal de Vilanova de Gaia e o Instituto Politécnico de Coimbra. O proxecto tamén conta coa cofinanciación da Comisión Europea a través do programa LIFE, o Goberno de Cantabria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Santander.

Experiencia galega

A directora xeral indico que a herba da pampa é unha especie de alto risco de impacto na nosa biodiversidade, polo que a estratexia de xestión desta especie debe priorizar á contención local e a protección dos sitios prioritarios para a conservación de especies (principalmente a Rede Natura 2000).

Nos últimos anos, a Dirección xeral de Patrimonio Natural está a impulsar a erradicación desta especie nos espazos costeiros da Rede Galega de Espazos Protexidos e as áreas limítrofes. Así mesmo, se ten trasladado a outras administracións implicadas e particulares a necesidade de erradicación da especie fora destes espazos, como, por exemplo, se solicitou aos titulares de vías de comunicacións para promover a erradicación desta especie.

25 de xuño de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.