publicidade hoxe

Máis de 20 establecementos de Monterrei e Valdeorras celebran as xornadas de portas abertas das rutas dos viños

Máis de 20 establecementos -entre adegas, restaurantes e aloxamentos- das Denominacións de Orixe de Monterrei e Valdeorras participarán desde o venres e ata o domingo na VIII edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, co impulso da Consellería de Cultura e Turismo que inviste máis de 230.000 euros para a promoción destes itinerarios ata o ano 2021.

Durante estes días os asistentes poderán participar de diferentes actividades en ambas denominacións de orixe para poñer en valor a cultura vitivinícola galega. En Monterrei inclúense desde obradoiros gastronómicos, o túnel do viño ou unha xincana infantil para dar a coñecer a historia da viticultura na comarca, ata visitas a adegas coa posibilidade de apadriñar unha cepa.

En Valdeorras haberá tamén visitas a adegas-covas, andainas ou música de jazz en directo con degustación. Amais, en ambas as rutas porase en marcha o Bus do Viño, que permitirá achegar aos participantes das xornadas desde distintos puntos da Comunidade galega e os asistentes tamén poderán aproveitar ofertas e promocións especiais en aloxamentos e restaurantes participantes nas xornadas.

Durante esta fin de semana, as actividades tamén se celebrarán na Ruta dos Viños da Ribeira Sacra, despois de que a pasada fin de semana a iniciativa estivese nas denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro. Na edición deste ano participan en total preto dun centenar de adegas, restaurantes e aloxamentos das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Os interesados en participar na iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo e as rutas dos viño poden acadar máis información na web https://www.xornadasrutasvinosgalicia2019.com/.

13 de xuño de 2019 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.