publicidade hoxe

Galicia pon en valor o Camiño de Santiago como canle para a promoción das conservas de produtos do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaTui
A-
A+
Rosa Quintana e Nava Castro na presentación da campaña

Rosa Quintana e Nava Castro na presentación da campaña

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación da campaña de promoción de conservas de peixe e marisco polo camiño de Santiago portugués, Cata a lata. Esta iniciativa, desenvolvida por Anfaco-Cecopesca coa colaboración da Xunta, fomenta o consumo das conservas de peixes e mariscos e difunde entre os peregrinos os seus beneficios nutricionais.

Ao mesmo tempo, engadiu a titular de Mar, promove o coñecemento sobre este sector clave na realidade socioeconómica de Galicia. Un sector, subliñou Rosa Quintana, que en Galicia achega o 3% do produto interior bruto e que emprega de xeito directo a máis de 12.400 persoas. De feito, a comunidade autónoma galega representa o 86% da produción nacional de conservas de peixes e mariscos.

En relación ás iniciativas como Cata a lata, a conselleira do Mar fixo fincapé na súa importancia para difundir os beneficios das conservas de Galicia máis alá das nosas fronteiras. Neste sentido, sinalou, con esta campaña chégase a un público obxectivo relevante, xa que procede de distintas partes do mundo.

Cata a lata

A campaña Cata a lata realiza unha promoción das conservas de peixe e marisco en food truck polas sete etapas polas que transcorre o Camiño de Santiago portugués, desde O Porto ata Santiago de Compostela. En cada etapa desprégase un posto personalizado no que un cociñeiro elabora maridaxes entre conservas dos produtos do mar e os produtos típicos de cada zona, demostrando a versatilidade gastronómica das conservas. A degustación compleméntase co reparto de material divulgativo e dun receitario.

27 de xuño de 2019 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.