publicidade hoxe

Galicia e Portugal selan un acordo para desenvolver proxectos conxuntos no eido audiovisual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do acordo

Román Rodríguez na sinatura do acordo

Galicia e Portugal estreitan lazos no eido audiovisual. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Consello Directivo do Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal, Luís Chaby Vaz, asinaron esta mañá un memorando de entendemento para desenvolver proxectos conxuntos neste ámbito e para avanzar no impulso das súas respectivas industrias audiovisuais e cinematográficas. No acto tamén estiveron presentes o director da Portugal Film Commissión, Manoel Claro, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e director da Agadic, Jacobo Sutil.

Mediante este acordo, a Xunta e o Instituto do Cinema e do Audiovisual comprométense a colaborar na produción e desenvolvemento de longametraxes cinematográficas e series de televisión realizadas conxuntamente por produtores independentes de Portugal e Galicia. O obxectivo é poñer en marcha producións que reúnan elementos culturais dos dous territorios e que, asemade, favorezan o intercambio de talento técnico e artístico.

Outro dos compromisos adquiridos entre os dous territorios é o de fomentar as relacións institucionais entre Galicia e Portugal co fin de realizar encontros de negocio bilaterais, actividades formativas e o intercambio de experiencias entre ambos sectores audiovisuais.

Ademais, no marco desta colaboración, decidiuse darlle continuidade ao V Encontro de Coprodución Portugal-Galicia, que terá lugar no último trimestre de 2019 no concello ourensán de Arnoia. Para a posta en marcha deste proxecto, os dous territorios comprometéronse a coordinar os traballos previos necesarios e establecer un sistema de colaboración permanente ata a finalización do evento.

24 de xuño de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.