publicidade hoxe

Galicia duplica o seu saldo migratorio co estranxeiro, que se achega as 13.000 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de publicar os datos do saldo migratorio de Galicia tanto co estranxeiro como co resto de España. No caso das persoas procedentes doutros países, a comunidade autónoma recibiu 12.884 habitantes máis dos que saíron, o que supón un incremento que case dobra (un 98,82% máis) a cifra de 2017, cando entraron en territorio galego 6.882 persoas máis das que saíron. Deles, 2.885 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 47% en relación aos 12 meses anteriores, cando o saldo positivo deixaba 1.954 españois novos en Galicia (unha vez restados os que saíron).

Tamén o balance da poboación que chegou a Galicia desde outras partes de España respecto á que saíu experimentou un crecemento máis ca notable, cun 220,57% de incremento, deixando unhas cifras positivas en 252 habitantes. Foron os españois residentes noutras comunidades autónomas os que máis aportaron a este crecemento, cun incremento do 264,81% respecto a 2017 e un saldo en termos absolutos de 178 persoas máis.

En ámbolos dous casos, tanto no saldo co estranxeiro coma co nacional, a provincia de Pontevedra é a que experimenta unha maior suba poboacional, que chega ao 1.464% no caso da diferencia entre as persoas chegadas desde o estranxeiro e as que saíron, e que incrementaron en 3.309 o número de habitantes pontevedreses. A variación interanual do saldo migratorio co resto de España, pola súa banda, é do 475%, o que se traduce en 230 persoas máis.

Máis poboación nova

Os menores de 30 anos constitúen, ademais, máis da metade do total de novos habitantes que gañou Galicia por mor dos movementos migratorios. A comunidade gañou un total de 7.014 nenos e mozos máis que hai un ano procedentes tanto do estranxeiro como do resto de España, sendo as franxas de idade de entre 20 a 24 anos, 25 a 29 anos, 15 a 19 anos, e 0 a 4 anos os máis numerosos, por esta orde. Unicamente 1.240 persoas, entre españois e estranxeiros, teñen 65 anos ou máis.

A nacionalidade que máis presenza ten nos datos de 2018 é a venezolana, coa chegada de 3.366 persoas máis das que saíron, seguida da española, con 2.885, e a brasileira, con 988. De feito, 2018 foi o ano con maior saldo migratorio positivo de españois desde 2009, así como de arxentinos e brasileiros, entre outras nacionalidades.

Tras Pontevedra, é Ourense a provincia que máis medra en termos de saldo migratorio co exterior (co 61,72%), seguida da Coruña (co 40,34) e Lugo (38,65%). Co respecto ao balance co resto de España, Lugo ocupa o segundo lugar (cun crecemento do 313,11%), seguida da Coruña (co 50,94%) e Ourense (48,48%).

Menos emigrantes no exterior e máis retorno

Estas cifras compleméntanse coas relacionadas coa emigración galega no resto do mundo, que arroxan un panorama que rebaixa cada ano a porcentaxe de galegos que residen no exterior que foron nados en Galicia e emigraron máis tarde por diferentes razóns. A cantidade de emigrantes que aínda residen no estranxeiro pasou, deste xeito, nun ano de supor o 29.7% do total de galegos que viven fóra das nosas fronteiras a constituír o 29% (é dicir, 15.579 galegos), porcentaxe que vén diminuíndo incesantemente desde 2011, segundo reflicten as estatísticas oficiais publicadas o pasado mes de marzo.
O retorno de emigrantes trouxo de volta a Galicia a 6.202 galegos en 2017, cuxos principais países de procedencia son Venezuela, Suíza, O Reino Unido e os Estados Unidos, segundo se desprende das últimas cifras oficiais feitas públicas polo INE. Os datos provisionais correspondentes ao primeiro semestre de 2018 apuntan, pola súa banda, a un incremento de cara os datos definitivos do ano pasado.

25 de xuño de 2019 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.