publicidade hoxe

Galicia defende o papel do sector naval como un dos piares da futura política industrial da Unión Europea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na cuarta sesión plenaria deste ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), a cal tivo lugar no hemiciclo do Parlamento Europeo. Un dos principais asuntos tratados no pleno referiuse á necesidade dunha estratexia industrial integral que permita ás empresas europeas afrontar a dura competencia mundial que viven actualmente varios sectores. Coa adopción dun ditame sobre este tema, o CdR reclama unha maior implicación dos entes locais e rexionais na futura política industrial europea, que está a gozar dun novo pulo no marco da nova Axenda Estratéxica adoptada a semana pasada polos xefes de Estado e de Goberno dos 28 Estados membros.

A través dunha emenda introducida por Galicia, este ditame inclúe ao sector naval como un dos sectores industriais prioritarios nos que resulta necesario garantir uns custos enerxéticos competitivos e uns instrumentos de defensa comercial axeitados. A Xunta considera que o naval é un sector tradicional e estratéxico que deberá facer fronte á competencia internacional e á aparición de grandes empresas estatais estranxeiras, polo que resultan necesarias unhas políticas europeas coordinadas de defensa comercial e un marco normativo coherente que asegure unha competitividade xusta.

O director xeral de Relacións Exteriores participou tamén no debate sobre a aceleración do desenvolvemento das industrias marítimas na UE. Gamallo remarcou as ameazas reais que pesan hoxe sobre as empresas europeas en xeral, e as galegas en particular, a causa da nova competencia asiática tanto na construción de buques de alto valor engadido como na industria pesqueira. O representante galego advertiu de que a competencia desleal china, que se beneficia da falta de regulación e das axudas económicas estatais, está ameazando seriamente a competitividade das frotas pesqueiras europeas, xunto á cadea mar-industria e a sustentabilidade das zonas pesqueiras onde se encontran faenando.
Nesta mesma liña, o CdR estima que as industrias marítimas europeas deberían mobilizarse, co apoio das administracións europeas, nacionais e rexionais, para traballar conxuntamente na procura dunhas condicións xustas de competencia acordes ás normas do comercio internacional.

Por último, Galicia incluíu no ditame “Un planeta limpo para todos”, unha mención ao papel fundamental que poden desempeñar os sectores agrícola e forestal para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Este ditame é a contribución das rexións e municipios europeos ao debate actual sobre unha estratexia climática da UE a longo prazo, ata o ano 2050.

En total, foron 11 os ditames aprobados durante esta sesión plenaria, entre os que cómpre destacar os relativos á pobreza enerxética, á política fiscal ou á cooperación transfronteiriza ante catástrofes naturais. Ademais, o CdR emitiu unha serie de propostas para o novo mandato lexislativo da UE co obxectivo de volver conectar a Unión Europea cos seus cidadáns.

Debates sobre desenvolvemento sostible e cambio climático

Esta 135ª sesión plenaria do Comité acolleu tamén dous debates nos que participaron dous máximos representantes da Comisión Europea. O primeiro deles foi introducido polo comisario de Emprego, Crecemento, Inversión e Competitividade, Jyrki Katainen, quen tratou a dimensión local e rexional dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para 2030. O segundo debate contou coa intervención do comisario de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete, quen subliñou o importante papel que desempeñan as rexións da UE na loita contra o cambio climático e o proceso de transición enerxética no marco do Acordo de París.

Cerimonias no 135 pleno do Comité Europeo das Rexións

No marco deste pleno tiveron lugar dúas cerimonias de celebración. A primeira foi a entrega dos Premios «Rexión Emprendedora Europea» (REE) 2020 ao Goberno de Navarra, á provincia polaca de Pomerania, á cidade polaca de Gdansk e á cidade sueca de Gotemburgo. A segunda cerimonia celebrou o 25º Aniversario do Comité Europeo das Rexións (CdR) e o Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa (CPLRE), contando coa participación dos presidentes de ambos organismos, Karl-Heinz Lambertz, presidente do CdR e Anders Knape, presidente do CPLRE.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

27 de xuño de 2019 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.