publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde destaca que a recuperación do naval está a chegar ás persoas cun 20% máis de afiliacións á seguridade social desde 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no acto de clausura da xunta xeral de accionistas de Pymar, celebrada en Madrid, que a recuperación do naval está a chegar ás persoas, un sector no que as afiliacións á Seguridade Social creceron en Galicia desde 2014 nun 20%, acadando a peche de 2018 preto das 40.000.

O titular de Economía puxo en valor a implicación e compromiso do Goberno galego cunha industria estratéxica para Galicia, así como o traballo conxunto levado a cabo polo sector e a Administración para recuperar o seu liderado. Así, lembrou que Galicia está recollendo os froitos do traballo feito durante a última década e, por iso, é hoxe un referente nesta industria cun volume de negocio de 2000 millóns de euros o ano pasado e representa, segundo datos de Aclunaga, o 4,3% do PIB, exportando o 90% da súa produción.

Conde, ademais, destacou que estas boas expectativas mantéñense para 2019, xa que a Comunidade galega é a segunda carteira de pedidos máis importante do continente. De feito, conta con máis da metade dos pedidos en España, sendo, polo tanto, a Comunidade con maior carga de traballo (38%).

O conselleiro apuntou á innovación e á diversificación como claves para este crecemento, sinalando o esforzo e o compromiso de toda a industria por modernizarse e adaptarse ás novas demandas do mercado. Puxo como exemplos a eólica mariña (Navantia) ou o segmento dos cruceiros de alta gama (Barreiras).

O titular de Economía sinalou que a innovación, a dixitalización e a formación adaptada ás necesidades do sector son as claves para fortalecer a súa competitividade. De feito, indicou que estes tres eixos unido á internacionalización son as bases da estratexia que está desenvolvendo a Xunta para o naval e que coinciden coas directrices da Axenda Sectorial da Industria Naval do Estado.

Neste intre, subliñou que a Xunta está a mobilizar 50M€ no sector naval a través dos seus apoios en materia de formación e innovación. No ámbito da formación, explicou que a Administración autonómica está desenvolvendo desde 2017 un plan específico para impulsar o talento e facilitar unha formación adaptada ás necesidades reais das empresas. Desde entón, a Xunta leva apoiando 343 cursos dos que se beneficiaron 3400 persoas.

En innovación, destacan dous programas autonómicos para apoiar o uso das novas tecnoloxías, como son as Unidades Mixtas de Investigación e a Fábrica Intelixente, na que precisamente a Xunta está a apoiar a Navantia para o desenvolvemento do Estaleiro 4.0.

Conde, para rematar, indicou a importancia económica e social que o naval ten en Galicia, sinalando que é un dos seus motores de creación de emprego e riqueza, polo que afirmou que o apoio da Xunta e a implicación do Goberno galego con esta industria estratéxica seguirá sendo firme e determinante.

24 de xuño de 2019 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.