publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca a importancia das traídas municipais no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+
Intervención da conselleira Ethel Vázquez

Intervención da conselleira Ethel Vázquez

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a importancia das traídas municipais no rural, unha singularidade que a Xunta incorporou ao Consello Reitor de Augas de Galicia e ao Consello Nacional. Así o manifestou na xornada organizada polo proxecto Life water way, co título Status quo das comunidades de usuarios de auga de consumo a nivel de Europa.

Neste encontro internacional, no que tamén interveu o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, a conselleira puxo en valor esta peculiaridade galega que cómpre que as administracións teñan en conta, por iso a día de hoxe xa se coñece en Europa.

Sinalou que no abastecemento galego existen multitude de traídas veciñais e de pozos de uso privativo, que permiten resolver o servizo á poboación rural dispersa, concretamente a uns 600.000 galegos que se abastecen con opcións autónomas.

Subliñou que é preciso que todas as administracións e a sociedade se impliquen de xeito conxunto e coordinado para acadar o abastecemento de auga en calidade e cantidade, especialmente no ámbito rural.

Lembrou que as competencias sobre o abastecemento de auga as ostentan as entidades locais. Non obstante, a Xunta vén prestando apoio técnico e financeiro no desenvolvemento das súas competencias en canto a infraestruturas hidráulicas, coa realización de 300 actuacións en materia de abastecemento que beneficiaron a 186 concellos.

No que se refire ás infraestruturas, precisou que antes de executalas hai que contar cunha boa planificación e un correcto deseño e despois de construílas, considerar a axeitada explotación, xa que que puntualizou que é tan importante facelas como mantelas ben.

Tamén fixo referencia ao cambio de modelo como consecuencia do cambio climático, ao que é necesario adaptarse. Para isto, cómpre prepararse a través da coordinación e colaboración das administracións responsables, coa imprescindible axuda de técnicos, expertos na materia e a experiencia dos representantes das traídas veciñais.

A Xunta está avanzando neste camiño mediante a axuda na xestión e explotación dos sistemas e vén de autorizar unha orde de subvencións para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan elaborar Plans de emerxencia fronte á seca. Tamén se avanza no ámbito normativo, co impulso da Lei de medidas de garantía de abastecemento.

Ethel Vázquez puxo como exemplo de implicación o proxecto Life Water Way, que reúne a todas as institucións que no seu día firmaron o convenio para mellorar a calidade das augas de consumo humano en 27 fontes do Camiño Inglés e que evitará o uso de 65.000 botellas de plástico ao ano.

Ademais engadiu outro exemplo como o proxecto Small Rural Suplies, financiado co programa europeo Life, que amosa que o abastecemento autónomo constitúe unha opción válida, competitiva e de calidade.

5 de xuño de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.