publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza a licitación da variante de Alba a comezos de 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+
Ethel Vázquez en rolda de prensa

Ethel Vázquez en rolda de prensa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a Xunta licitará a comezos do vindeiro ano a variante de Alba, que sacará o 75 % do tráfico do núcleo de San Caetano e reforzará a seguridade viaria nesta contorna.

Vázquez Mourelle, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou a tramitación desta infraestrutura, pois hoxe o Diario Oficial de Galicia publica o inicio da información pública do proxecto de trazado e a relación de bens e de dereitos afectados para que os interesados trasladen as súas achegas ata o 7 de agosto.

Destacou que en paralelo se realizará a tramitación ambiental, de modo que se poida axilizar ao máximo o procedemento administrativo para a aprobación do trazado proposto e poder ter a finais de ano o proxecto construtivo.

Subliñou que a variante suporá un investimento global que rolda os 14 millóns de euros, coas expropiacións e bens afectados, que suman uns 384.000 euros. Detallou que para a 1ª fase das obras se prevé un orzamento duns 8,2 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses.

Referiu que a estrada está pensada para a súa execución por fases, acometendo nunha primeira un carril en cada sentido, pero prevendo o seu desdobramento posterior, cando os tráficos acrediten necesario ampliar a capacidade.

Neste sentido, o proxecto xa inclúe a totalidade das afeccións, polo que nunha 1ª fase se executarán dous carrís, un en cada sentido, pero quedarán realizadas xa as expropiacións e o movemento de terras necesario para completar a actuación.

Indicou que se trata dunha infraestrutura relevante para os veciños de Pontevedra, xa que permitirá conectar a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a que vai a Santiago (N-550). Precisou que será unha alternativa á PO-225, que comunica Alba con San Caetano e que conta cunhas dimensións moi reducidas para a convivencia de veciños, peregrinos e preto de 13.000 vehículos ao día.

Concretou que por esta zona pasa o Camiño Portugués, polo tanto, é frecuentada a diario por peregrinos. Neste sentido, precisou que a variante posibilitará sacar tráfico rodado da actual estrada autonómica PO-225, que conta con algún punto de paso estreito e con gálibos reducidos, e evitar o tráfico pesado.

Canalización do tráfico, maior seguridade e menor afección

A Xunta vén avanzando no deseño desta infraestrutura, demandada e necesaria, da man do Ministerio de Fomento e mantendo informado ao Concello de Pontevedra, co fin de coordinar o mellor trazado e entronque coa N-550.

Máis en detalle, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou que a solución adoptada responde aos obxectivos de canalizar o tráfico da estrada entre Alba e San Caetano e incrementar a seguridade viaria na zona de Alba, cunha menor afección ambiental e social.

Sinalou que a nova infraestrutura está deseñada con características dunha vía de altas prestacións e cunha velocidade de proxecto de 100 km/hora, con dúas calzadas a futuro, unha por sentido, separadas mediante unha mediana de 2 metros.

Concretou que a variante arrancará na intersección coa estrada de Vilagarcía, coa PO-531 e a estrada PO-310, que une Poio e Campañó, cunha conexión a nivel mediante unha glorieta, discorrendo ao longo de case un quilómetro ata a conexión final coa N-550, que se resolverá tamén mediante unha glorieta a nivel.

Avanzou que a infraestrutura deberá salvar a AP-9, a liña de ferrocarril e o río Granda, para o cal se proxecta un viaduto duns 300 metros de lonxitude. Engadiu que para dar continuidade á rede de camiños existente executarase, ademais, un paso superior.

Nova senda peonil

A conselleira indicou que este reforzo da seguridade se verá complementado coa construción dunha senda peonil na parroquia de Alba, na estrada PO-225. O obxectivo é incrementar a seguridade dos peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano.

O proxecto está redactado e en supervisión nestes momentos, así que unha vez aprobado, comezará a expropiación dos terreos e a continuación a contratación das obras, co obxectivo de que este itinerario estea listo para ser empregado polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo de 2021.

25 de xuño de 2019 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.