publicidade hoxe

En Galicia subscribíronse case 50.000 pólizas de seguros agrarios en 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

En Galicia subscribíronse o pasado ano case 50.000 pólizas de seguros agrarios, o que representa o 11% do total nacional. Dentro delas, salientan as contratacións para dar cobertura ao gando vacún de leite, que supuxeron o 27% do conxunto de España, cun total de 390.000 animais amparados.

Estes datos foron avaliados na última reunión da Comisión territorial de seguros agrarios de Galicia, celebrada na Consellería do Medio Rural. Ademais de técnicos deste departamento da Xunta, nesta xuntanza estiveron presentes representantes da Empresa Nacional de Seguros Agrarios (Enesa) do Ministerio de Agricultura e Pesca, da Área de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno, Agroseguro SA, Consorcio de Compensación de Seguros e organizacións profesionais agrarias.

O encontro de traballo foi convocado para abordar as novidades do 40º Plan de seguros agrarios combinados aprobado polo Consello de Ministros do 30 de novembro de 2018 e tamén para tratar a orde de axudas ao fomento da contratación de seguros agrarios en Galicia para o ano 2019, para as que a Xunta dedica un orzamento de 5 millóns de euros.

As liñas agrícolas máis aseguradas foron as de uva de vinificación e as de forraxeiras. No tocante ás liñas gandeiras con máis pólizas, a de explotacións de vacún de reprodución e produción segue sendo a máis contratada. Do capital subvencionado pola Xunta, ademais das liñas anteriores, hai que destacar as indemnizacións pagadas para a retirada e destrución de animais mortos nas explotacións, a liña de explotacións de gando vacún de ceba, a de aviar de carne e a de posta, así como a de gando porcino.

Así, as pólizas contratadas de gando ovino-caprino foron 200, cun total de 9.000 animais; en explotacións de aviar de carne 62 pólizas aseguraron case 2 millóns de aves, en aviar de posta 7 pólizas aseguraron 450.000 aves e 10 pólizas en porcino aseguraron 250.000 animais. En total, 4.600 pólizas en Galicia supuxeron o aseguramento de case 3 millóns e medio de animais.

Axudas á contratación

A nova orde de axudas de fomento á contratación de seguros agrarios para o ano 2019 supón un esforzo orzamentario similar ao do ano anterior por parte da Xunta. Igual que no ano 2018, subvencionarase un 22% sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas, para as producións agrícolas aseguradas, e dun 16% para as producións gandeiras e acuícolas. Tamén se subvenciona a retirada e destrución de animais mortos nas explotacións nun 40% para as producións cunícolas e nun 28% para o resto de producións gandeiras.

Na Comisión tamén se abordaron novas propostas das liñas de seguro, como son a da eliminación ou redución das franquicias nas liñas de seguro que cobren os danos por fauna salvaxe, a mellora da liña de seguro da castaña ou o estudo das condicións de mellora da liña de seguro para a pataca.

24 de xuño de 2019 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.