publicidade hoxe

Conde: “apostar polo modelo da economía social está permitindo a Galicia conseguir un crecemento sustentable e sostido no tempo”

Xornada "O futuro da economía social"

Xornada “O futuro da economía social”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe que apostar polo modelo da economía social está permitindo a Galicia conseguir un crecemento económico sustentable e sostido no tempo. Conde fixo estas declaracións na xornada O futuro do economía social que se celebrou en Santiago de Compostela no marco dos actos organizados para conmemorar a designación de Galicia como rexión amiga da economía social pola Comisión Europea dentro do proxecto Eser.

Na súa intervención fixo fincapé no peso deste modelo na economía galega, xa que Galicia conta con 3000 entidades cun volume de negocio próximo aos 3000 millóns de euros e que xeran ao redor de 15.000 empregos. Por iso, a Xunta está comprometida co seu impulso
-este ano reserva 20,3 millóns de euros no seu orzamento- para o que o ano pasado se puxo en marcha a Estratexia da economía social co obxectivo de sumar capacidades, sustentabilidade e identidade. Cunha planificación a tres anos, prevé un investimento de 73 millóns de euros coa finalidade de poñer en marcha medidas que permitan aumentar un 20% os empregos neste sector, incrementar un 10% as empresas creadas neste eido e chegar ao 50% de mulleres promotoras.

Conde avanzou que, dentro dos apoios destinados ao impulso deste modelo, proximamente se sumarán dúas novas iniciativas: un programa de formación dual para persoas con capacidades diferentes e un programa integral de inserción laboral para persoas en risco de exclusión social.

Finalmente, o conselleiro subliñou a importante contribución deste modelo á economía en termos de crecemento intelixente, sustentable e integrador, emprego de calidade, cohesión social, protección do medio ambiente, desenvolvemento local e benestar das persoas.

5 de xuño de 2019 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.