publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As pemes galegas de transformación de produtos do mar optan a achegas en favor da sustentabilidade ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerdaRiveira
A-
A+
Rosa Quintana na visita a Pescados Hermanos Lijó

Rosa Quintana na visita a Pescados Hermanos Lijó

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Ribeira o apoio da Xunta ás pemes de transformación de produtos do mar modernas e sustentables, que poden optar a achegas de ata o 50% dos investimentos que realicen e que fomenten a sustentabilidade ambiental. Así o sinalou durante a visita que realizou á planta frigorífica de Pescados Hermanos Lijó, unha empresa que se beneficiou deste tipo de axudas na convocatoria de 2017.

Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, a titular de Mar lembrou que na convocatoria deste ano a Xunta puxo a disposición das pemes deste sector preto de 15 millóns de euros a distribuír nas anualidades 2019 e 2020. A conselleira sinalou ademais que no marco da convocatoria deste ano destas axudas a Xunta recibiu 85 solicitudes.

A isto engadiu que con elas a Administración galega apoia os investimentos que realicen estas pemes e que contribúen a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente. Tamén aquelas accións que melloran a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo das plantas e os investimentos que fomenten os produtos e sistemas de xestión e organización novidosos. Son ademais obxecto de subvención as accións que axudan á transformación de capturas de peixe comercial que non se pode destinar ao consumo humano, unha solución, especificou Rosa Quintana, que pode axudar para a xestión e valorización dos descartes.

En relación ás convocatorias anteriores destas axudas, a conselleira destacou que das de 2016, 2017 e 2018 se beneficiaron preto de 130 pemes de transformación de produtos do mar por valor de preto de 31 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industria de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

Pescados Hermanos Lijó

A empresa Pescados Hermanos Lijó fundouse en 1950. Está situada en Ribeira e dedícase á clasificación, envasado e embalado dos produtos do mar que comercializa. Para iso conta cunha salmoira e un túnel de conxelación, cunha clasificadora de pescado, con fileteadoras e tamén oferta servizos de frío e conxelación. Entre os produtos que comercializa están o polbo, a boga, a xarda, o cabalón, o xurelo, o lirio, a pescada e a sardiña e no ano 2018 facturou máis de 1,7 millóns de euros. No marco da convocatoria de 2017 de axudas para melloras nas pemes de transformación de produtos do mar foi beneficiaria dunha achega de máis de 122.600 euros para a adquisición de maquinaria e instalacións para optimizar o produto e as condicións de seguridade e hixiene no traballo.

5 de xuño de 2019 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.