publicidade hoxe

A Xunta reforza a imaxe da marca Galicia cunha misión comercial do sector da agroalimentación en Estados Unidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, acompañará a unha delegación galega formada por catorce empresas agroalimentarias e á Cámara de Comercio da Coruña na súa participación na feira Summer Fancy Food, evento internacional para a industria da alimentación que se celebrará en Nova York do 23 ao 25 de xuño.

No encontro, escaparate do sector gourmet e delicatesen da costa este dos Estados Unidos, e no que se deron cita na súa última edición un total de 2600 expositores de 54 países, Galicia estará presente nesta convocatoria cos stands de seis das empresas participantes na misión, nos que se exporán viños, produtos apícolas ou da pesca e conservas, entre outros.

A participación nesta feira pretende abrir oportunidades de negocio e alianzas para o tecido empresarial galego, así como tamén permitirá intensificar a posición dos produtos agroalimentarios de Galicia no mercado norteamericano.

Paralelamente a este evento, está prevista unha misión comercial multisectorial no mesmo país do 22 ao 29 de xuño, coa colaboración da Cámara de Comercio da Coruña, e na que participarán, ademais das catorce empresas agroalimentarias, outras nove compañías doutros sectores produtivos.

Estas accións teñen por obxectivo impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego e buscar novas vías de investimento e colaboración para as empresas dos sectores participantes.

Así, as vendas ao exterior galegas aos Estados Unidos acadaron no primeiro trimestre de 2019 os 153,2 millóns de euros, un 56,4% máis que no mesmo período do ano anterior e o número de empresas exportadoras regulares durante os tres primeiros meses do ano foi de 274 empresas. En canto o sector da agroalimentación, no primeiro trimestre de 2019 destaca o incremento do 32,8% das exportacións galegas aos Estados Unidos acadando os 16,2 millóns de euros.

Tanto a participación na Summer Fancy Food como a misión comercial están apoiadas mediante o plan Foexga, iniciativa desenvolta polo Goberno galego en colaboración coas cámaras de comercio e que ten entre os seus mercados prioritarios Estados Unidos. A través deste programa, as pemes e autónomos poden acollerse a unhas 160 accións de internacionalización en máis de 50 países durante 2019 e 2020 que son apoiadas ao 90% pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e contan co cofinanciamento do fondo Feder.

O Foexga complementa os servizos de apoio que se achegan a través do Igape, como o programa Galicia Exporta. A través destas dúas iniciativas e co obxectivo de avanzar no desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 11,6 millóns de euros neste ano e no que vén, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para apoiar a preto de 1000 empresas.

20 de xuño de 2019 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.