publicidade hoxe

A Xunta promove a construción e rehabilitación de vivendas para alugueiro con novas axudas por importe de 10,6 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia destinará case 10,6 millóns de euros (10.564.800 euros) a fomentar a promoción de vivendas destinadas ao alugueiro por medio de axudas aos promotores das mesmas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas resolucións polas que se convocan axudas para a promoción de vivendas en alugueiro e axudas para a promoción de vivendas en alugueiro destinadas a maiores de 65 anos e persoas con discapacidade. Esta é a primeira vez que se convocan este tipo de subvencións que teñen por finalidade rehabilitar vivendas e poñer a disposición dos cidadáns vivendas en réxime de aluguer con mensualidades asequibles.

Axudas ao alugueiro con carácter xeral

A Resolución que regula as axudas á promoción de vivendas en alugueiro con carácter xeral establece que as mesmas poden chegar ata 350 euros por metro cadrado. As vivendas deberán destinarse ao alugueiro durante un prazo mínimo de 25 anos a persoas e familias con ingresos que non superen 4,5 veces a contía do Iprem, inda que no caso de familias numerosas e persoas con determinadas discapacidades os ingresos máximos poderán chegar a 5 veces o Iprem.

Poderán recibir estas axudas os promotores das vivendas, tanto públicos como privados, así como cooperativas de vivendas de alugueiro, fundacións, empresas de economía social, organizacións non gubernamentais, etc., que cumpran os requisitos establecidos.

As axudas poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como ás procedentes de rehabilitacións, sempre que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2019 e o inmoble conte con, polo menos, cinco vivendas.

A normativa que rexe estas axudas, así como a convocatoria das mesmas para 2019, foron publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e establecen dúas contías de axuda en función dos ingresos dos futuros inquilinos das vivendas.

A convocatoria de 2019 publicada hoxe no DOG, dispón dunha dotación económica de 5.778.400 euros para as anualidades 2019 a 2021. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e durante o prazo de dous meses.

Axudas para maiores e persoas con discapacidade

As vivendas financiadas con cargo a este programa unicamente poderán ser alugadas ou cedidas en uso ás persoas maiores de 65 anos ou a persoas con discapacidade (coas súas familias en caso de persoas tuteladas), cuxos ingresos, incluídos os de todas as persoas que constitúan a súa unidade de convivencia, non superen cinco veces o Iprem. Ademais, os inquilinos non poderán dispoñer, no momento de habitar a vivenda, de vivenda propia ou en usufruto e o seu patrimonio, para os efectos da Lei do imposto sobre o patrimonio, deberá ser inferior a 200.000 euros.

Poderán recibir estas axudas os promotores das vivendas, tanto públicos como privados, así como cooperativas de vivendas de alugueiro, fundacións, empresas de economía social, organizacións non gubernamentais, etc., que cumpran os requisitos establecidos.

As axudas poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como ás procedentes de rehabilitacións, sempre que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2019 e o inmoble conte con, polo menos, oito vivendas.

Ademais, os inmobles deberán dispoñer dunhas instalacións e servizos comúns que deberán de incluír como mínimo asistencia social, atención médica básica 24 horas dispoñible e próxima, limpeza e mantemento, dispositivos e sistemas de seguridade, restauración, actividades sociais, deportivas, de ocio e culturais, así como de terapias preventivas e de rehabilitación. O deseño dos espazos garantirá a adecuación e a accesibilidade para o seu uso por persoas maiores ou, no seu caso, de persoas con discapacidade.

O importe máximo das axudas será de 400 euros por metro cadrado útil de vivenda e non se terán en conta nin o garaxe nin o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40 por cento do investimento da actuación.

A convocatoria de 2019 publicada hoxe no DOG, dispón dunha dotación económica de 4.786.400 euros para as anualidades 2019 a 2021. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e durante o prazo de dous meses.

19 de xuño de 2019 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.