publicidade hoxe

A Xunta presenta unha Guía de literatura infantil e xuvenil para a promoción da igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Susana López Abella na presentación da guía

Susana López Abella na presentación da guía

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá a Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Este manual proposto pola Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, contén unha escolma de obras literarias que son un complemento educativo para o profesorado, para nais e pais e para o noso alumnado.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes é un principio que a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta ten como obxectivo reitor da súa acción. López Abella defendeu que a educación é un dos ámbitos nos que é prioritario que se incorpore a igualdade entre mulleres e homes, xa que é a semente da sociedade presente e futura. Por isto, para a secretaria xeral de Igualdade, a educación en igualdade ten que estar presente en todos os elementos do sistema educativo e da sociedade.

Desde a Secretaría Xeral de igualdade, conscientes da transcendencia que ten cara o futuro esta responsabilidade, decidiuse presentar esta publicación: Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. O manual recolle 51 libros publicados entre os anos 2014-2017 considerados como adecuados e significativos para conseguir unha sociedade máis igualitaria e máis xusta.

Con esta guía, a Secretaría Xeral de igualdade pretende amosarlle ás nenas e nenos e ás mozas e mozos que outros contidos na literatura son posibles: o empoderamento das mulleres, a repartición de tarefas no fogar, a ruptura cos estereotipos sexistas ou a visualización das mulleres na historia ou na ciencia. As obras distribúense en tres tramos de idade: primeiras lecturas de cor verde, lecturas autónomas de cor vermella (a partir de 8 anos) e lecturas expertas de cor azul (a partir de 12 anos).

De cada un dos libros que forma parte da escolla, elabórase unha ficha na que se recollen datos bibliográficos, unha pequena sinopse, os contidos da obra relacionados coa igualdade de xénero. Inclúe tamén un pequeno fragmento significativo que ilustra o ton da obra, posibles actividades arredor das temáticas que se recolleron no libro, ao autor ou autora e ao ilustradora ou ilustrador. Esta guía xa foi remitida aos 1.400 centros Educativos de infantil primaria, secundaria e bacharelato de Galicia.

13 de xuño de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.