publicidade hoxe

A Xunta leva a 79 concellos das 10 Rutas Xacobeas o programa Cultura no Camiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A sétima edición do circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño desenvolverase ata o 30 de setembro deste ano en 79 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Axencia Turismo de Galicia, para a contratación de actuacións escénicas e musicais ao abeiro deste programa, no que se volve contar co patrocinio de Gadis.

Como se recolle na resolución de adxudicación publicada na web da Agadic, estas axudas foron distribuídas, en réxime de concorrencia non competitiva, entre todos os concellos solicitantes que reuniron os requisitos especificados nas bases, con contías de 3500 euros para os de máis de 20.000 habitantes e de 2500 euros para o resto.

Nestes momentos, están a ser os programadores culturais de cada un destes municipios os encargados de configurar as súas carteleiras a partir do catálogo artístico que se pon á súa disposición a través de www.galescena.gal, o portal que mantén a Agadic para a xestión das súas redes de espectáculos. A través desta mesma web, as formacións artísticas galegas de carácter profesional achegaron as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia para este circuíto.

Programación descentralizada

A programación estenderase polas 10 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente, nos seguintes concellos participantes: Arzúa, Melide, Palas de Rei, Paradela, Portomarín e Sarria, no Camiño Francés; Cee, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santa Comba, no de Fisterra e Muxía; A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Boqueixón, Monterrei, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Silleda, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia, na Vía da Prata; Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso e Pontedeume, no Inglés; A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Friol e Guntín, no Primitivo; Barreiros, Begonte, Guitiriz, Mondoñedo, O Pino, Ribadeo, Sobrado, Trabada, Vilalba e Vilasantar, no do Norte; Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, Rodeiro e O Barco de Valdeorras, no de Inverno; Ames, O Porriño, Padrón, Pontecesures, Portas, Rois, Soutomaior, Teo, Valga e Vilaboa, no Portugués; A Guarda, Nigrán, O Rosal e Redondela, no Portugués da Costa, e A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Boiro, Catoira, Meaño, O Grove, Rianxo, Ribeira, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Cultura no Camiño mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro de 2019. Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos, ao tempo que se fomenta a contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.

24 de xuño de 2019 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.