publicidade hoxe

A Xunta inviste 30.000 euros na ampliación do miradoiro e da ruta de sendeirismo das Penas de Matacás, en Castro Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro CaldelasLocal PortadaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o concello de Castro Caldelas para coñecer in situ a actuación de ampliación do miradoiro e da ruta de sendeirismo das Penas de Matacás que se vai desenvolver grazas as axudas da Consellería de Cultura e Turismo, que achega o 65% do total do custo do proxecto.

Díaz Mouteira e a alcaldesa do municipio, Sara Inés Vega, analizaron o proxecto que prevé a execución da segunda fase do miradoiro de Matacás e mellora nos seus accesos e equipamento, amais de completar a sinalización de puntos de interese preto da ruta. A actuación inclúe a creación dunha parte de miradoiro nunha plataforma parcialmente voada, amais da colocación de bancos de metal.

A delegada territorial lembrou que este proxecto realízase ao abeiro das subvencións que o Goberno galego outorga para a mellora das infraestruturas turísticas que teñan como finalidade o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turísticas nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. Díaz Mouteira subliñou a colaboración da Xunta coas entidades locais para avanzar en proxectos que beneficien aos seus cidadáns e contribúan ao seu benestar e desenvolvemento económico. “En moitas ocasións, proxectos como a ampliación deste miradoiro non se poderían levar a cabo se a Xunta e os concellos non suman esforzos”, asegurou. Así, Marisol Díaz puntualizou que o orzamento desta actuación no miradoiro de Matacás cífrase en 44.400 euros, dos que a Xunta achega preto de 30.000 euros.

35 proxectos na provincia
A representante do Goberno autonómico explicou que, ao abeiro desta liña de subvencións, se van conceder axudas a preto de 35 concellos e entidades locais da provincia de Ourense co obxectivo de mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias fluviais ou os bens culturais. Díaz Mouteira indicou que a Xunta financiará o 65% do total do custo do proxecto.

Así, o Goberno galego apoiará con 988.594 euros a execución de 35 proxectos noutros tantos concellos da provincia ourensá, que supón un incremento de investimento dun 26% con respecto á convocatoria do ano pasado.

Marisol Díaz Mouteira, destacou que “estas axudas van dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes”.

24 de xuño de 2019 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.