publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia da información e concienciación para contar cunha xeración de consumidores responsables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participaron hoxe en Santiago na xornada A cesta da compra a exame organizada pola Unión de Consumidores de Galicia e onde se avaliou un estudo sobre hábitos de alimentación.

Vázquez, na súa intervención na inauguración da iniciativa, destacou a importancia de levar a cabo estudos como o que hoxe se presentou e considerou imprescindible desenvolver traballos de información e de concienciación neste eido que permita contar cunha xeración de consumidores responsables e informados. Nese sentido, puxo en valor o traballo da Xunta non só para defender os consumidores, senón para promover entre as xeracións máis novas unha cultura neste eido.

Mentres, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Mercedes Rodríguez, participou na conversa O consumo de peixe en Galicia, onde destacou que o Estudo sobre Hábitos Alimentación 2019 recolle que case un 60% dos galegos consume peixe dous ou máis días por semana. Unha taxa, dixo, que non está tan lonxe do recomendado pero que confiou en poder mellorar cun pequeno impulso.

Neste sentido, subliñou que a situación máis complexa se dá nos consumidores de 18 a 30 anos, os coñecidos como millennials, que deixan as casas dos seus pais para comezar a vivir de xeito independente. Para mellorar este escenario, a Xunta xa adxudicou unha campaña promocional para fomentar a través das redes sociais o consumo de produtos do mar entre esta franxa de idade, tal e como no seu día solicitou o Parlamento de Galicia.

Esta acción viría a dar continuidade ás que se están a desenvolver nos últimos anos entre os máis novos, como Ponlle as pilas ao teu bocata ou O sabor da aventura está no mar. As dúas iniciativas chegaron xa a máis de 100.000 nenos para divulgar o valor e o sabor dos produtos pesqueiros frescos e en conserva así como os beneficios que teñen para a saúde.

25 de xuño de 2019 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.