publicidade hoxe

A Xunta defende a eficacia de medidas como a reforma da Risga ou a Axenda Social Única para facer fronte á pobreza e á exclusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou hoxe o compromiso da Xunta fronte a situacións de vulnerabilidade, con medidas como a mellora da Risga, os itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral, os programas de intervención familiar e de apoio educativo, a Axenda Social Única ou o primeiro Plan de atención a persoas sen fogar en Galicia. Así o sinalou na mesa de diálogo organizada por EAPN España no marco do XIII Encontro de Participación: Loita contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade no marco dos ODS.

Entre as iniciativas para previr e combater a pobreza e a exclusión, Arturo Parrado referiuse á recente reforma da Risga, que eleva a súa contía media ata os 550 euros e, sobre todo, que vincula esta axuda a un apoio e acompañamento técnico máis intenso dirixido á inserción laboral. Outra destacada mellora introducida é que se garante mellor o acceso ou mantemento de vivenda, ao incrementar o complemento de aluguer e facelo compatible con outras axudas, como o bono de alugueiro social; e ao permitir que dúas persoas que perciban esta renda compartan piso.

O director xeral tamén subliñou a importancia da colaboración entre administracións e coas entidades sociais para mellorar a protección das persoas en risco de exclusión, que en Galicia se plasma na Axenda Social Única. Os grupos de traballo constituídos ao abeiro desta Axenda abordan conxuntamente cuestións como a exclusión residencial, a pobreza económica e enerxética, a pobreza infantil e a atención familiar ou o emprego e a promoción económica inclusivos, entre outras.

No eido da coordinación tamén fixo fincapé no progresivo desenvolvemento da Historia Social Única Electrónica, que permite á Xunta e ás administracións locais compartir información para favorecer o traballo en rede dos servizos sociais nos seus diferentes niveis, o que redunda de maneira positiva na atención ás persoas.

Implicación das entidades

Por último, Arturo Parrado valorou o papel das entidades do terceiro sector no deseño, seguimento, desenvolvemento e avaliación dos programas de interese social, xa que aportan información de primeira man sobre a realidade e teñen unha ampla experiencia. Sinalou como mostra máis recente desta participación o primeiro Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia, que entre as súas máis de cen medidas inclúe diferentes achegas das entidades. O Plan procura reducir o senfogarismo a través da prevención e a intervención orientada a facilitar o acceso á vivenda das persoas que estean en situación de rúa ou carezan dela.

27 de xuño de 2019 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.