publicidade hoxe

A Xunta convida aos emprendedores a protagonizar un cambio de cultura que impulse a posta en marcha de novos proxectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante un encontro organizado esta mañá por AJE Vigo, que a Xunta leva investido, desde 2009, un total de 203 millóns de euros en axudas para impulsar o emprego autónomo en Galicia. Neste sentido, animou aos emprendedores a protagonizar este cambio de cultura que impulse a posta en marcha de novos proxectos na Comunidade.

Conde, que asegurou que os xoves empresarios e emprendedores galegos son os verdadeiros protagonistas do crecemento económico, tivo a oportunidade de escoitar de primeira man as experiencias e suxestións deste colectivo, así como de trasladarlles que a prioridade da Xunta é que a ningún emprendedor e autónomo lles falte o apoio necesario para consolidar a súa iniciativa.

O conselleiro explicou que as medidas deseñadas polo Goberno galego buscan acompañar a este colectivo en todas as etapas. Puxo como exemplo as axudas para a conciliación que se acaban de convocar e que se amplían ata os 12 meses. Tal e como subliñou, a vocación dos apoios da Xunta é a de axudar ao tecido empresarial a anticiparse aos cambios e a poder medrar máis rápido, mediante programas que se centran en impulsar a dixitalización nas pemes, o financiamento, a modernización do sector comercial, en incentivar a contratación ou en favorecer a formación á carta.

Conde tamén se referiu ao fomento do cooperativismo e a iniciativas como os coworking, nos que xa levan participado 531 emprendedores con 401 proxectos, ou ás aceleradoras. Neste eido, destacou que Galicia pode presumir de dispoñer de aceleradoras en sectores estratéxicos para Galicia, como a automoción (BFAuto), a industria alimentaria (BFFood) e, máis recentemente, o aeroespacial (BFAero).

O conselleiro finalizou facendo un chamamento aos presentes para que, ademais de ser os responsables de protagonizar este cambio de cultura empresarial, se encarguen de liderar a transformación tecnolóxica na que a Comunidade xa está inmersa.

5 de xuño de 2019 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.