publicidade hoxe

A Xunta aproba o proxecto para a construción de dúas sendas no Pereiro de Aguiar, na zona dos parques empresariais e na Derrasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de AguiarOurense
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de resolver a aprobación definitiva do proxecto de execución dos itinerarios peonís e ciclistas previstos na estrada OU-537, na zona dos parques empresariais, e na OU-536, na Derrasa, no Concello do Pereiro de Aguiar.

O departamento de Infraestruturas da Xunta destinará a esta actuación un investimento superior aos 970.000 euros e nas vindeiras semanas será elevada ao Consello da Xunta para a súa declaración de utilidade pública, e licitar así as obras este mesmo ano 2019.

O proxecto aprobado define dous itinerarios peonís e ciclistas, un deles na marxe dereita da estrada autonómica OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude aproximada de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e a intersección coa OU-536, na Derrasa.

A outra senda proxéctase na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade do encoro de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.

As sendas terán un ancho mínimo de 1,8 metros na OU-537 e de 2,5 metros na OU-536, e irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito. Executaranse con formigón coloreado.

Plan de Sendas

Estas actuacións, que serán cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020 para o fomento da mobilidade sostible, están enmarcadas no Plan de Sendas na comarca de Ourense, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

20 de xuño de 2019 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.