publicidade hoxe

A Xunta adxudica 150.000 euros en axudas ás salas Ensalle, Ártika, Ingrávida, Teatro del Andamio e Gurugú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

As salas Teatro Ensalle e Ártika de Vigo, Ingrávida do Porriño e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña volven ser en 2019 as cinco adxudicatarias das axudas anuais que a Consellería de Cultura e Turismo destina á actividade dos espazos de artes escénicas de titularidade privada. Faino a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que este ano incrementou a súa dotación ata os 150.000 euros para incorporar, a través desta liña de apoio, o financiamento da programación da Rede Galega de Salas.

Así, a contía que recibirá cada un destes cinco locais distribúese a partes iguais entre gastos ordinarios de funcionamento tales como alugamentos, subministracións ou contratación de persoal, que xa viñan sendo obxecto desta convocatoria nos anos anteriores, e o apoio á súa actividade como parte do devandito circuíto escénico da Xunta e de acordo coas pautas de programación deste.

Deste xeito, búscase contribuír á estabilidade e á consolidación deste tipo de escenarios en Galicia como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas nas súas respectivas localidades e área de influencia.

A adxudicación resolveuse a partir da avaliación das solicitudes por parte dunha comisión, que puntuou cada un dos proxectos segundo o baremo estipulado nas bases, no que figuraban criterios como a antigüidade, a capacidade do local, o proxecto de programación, actividades complementarias ou recursos humanos.

De acordo con esta valoración, que se recolle na resolución publicada na web da Agadic, as salas beneficiarias este ano son Teatro Ensalle con 46.214 euros, Sala Teatro Ártika con 43.803 euros, Sala Ingrávida con 27.675 euros, Teatro del Andamio con 17.746 euros euros e Sala Gurugú con 14.560 euros.

27 de xuño de 2019 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.