publicidade hoxe

A Xunta abre un proceso extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, abre un proceso extraordinario para ampliar o recoñecemento de actividades artesanais que permita incentivar e facilitar o acceso ao exercicio dun oficio artesán. A través deste programa, segundo se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, poderase outorgar a carta de artesán ás persoas que veñan exercendo unha actividade artesanal, aínda que non teñan acreditada 500 horas de formación ou traballo en obradoiro artesán.

Con esta nova iniciativa preténdese mellorar a profesionalidade e competitividade do sector artesanal, favorecendo a rendibilidade da actividade e garantindo a pervivencia dos oficios, de gran importancia non só no ámbito social ou cultural, senón como fonte de xeración de emprego e riqueza.

Para acreditar a veracidade do desenvolvemento destas actividades artesanais, que deben figurar entre as 88 recollidas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a Asociación Galega de Artesáns será a encargada de certificar os méritos para obter a carta de artesán, é dicir, un documento administrativo que exerce o labor de recoñecemento de oficios, poñendo en valor a súa importancia social, cultural e económica.

Os beneficiarios deberán exercer una actividade artesanal que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular, así como a prestación de servizos, sempre que se presten ou obteñan mediante procesos nos que a intervención persoal constitúe un factor predominante e o produto final sexa de factura individualizada e distinta da propiamente industrial.

As solicitudes poderán presentarse ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo ata o vindeiro 31 de outubro achegando unha memoria das actividades profesionais realizadas.

 

19 de xuño de 2019 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.