publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Policía Autonómica detén un furtivo habitual da Coruña que empregaba un torpedo submarino para a extracción de percebes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica do grupo ERPOL detiveron un varón, furtivo habitual da zona da Coruña, ao que se lle imputa un delito contra a flora e a fauna pola extracción ilegal de percebe na zona que comprende desde Barrañán ao Porto Exterior. Tamén foi detida unha muller, que exercía os labores de vixilancia.

O detido empregaba equipo de submarinismo profesional e un torpedo para desprazarse baixo a auga varios quilómetros (en ocasións máis de dez) e evitar ser así localizado. Cando chegaba á zona escollida, fondeaba o torpedo e comezaba a extracción. Unha vez obtida a cantidade desexada, regresaba ao punto de partida, sempre baixo a auga. Calcúlase que podía obter nunha xornada entre 3.000 e 5.000 euros de beneficio.

Ademais de desprazarse baixo a auga, o detido tomaba outras precaucións, como deixar fondeado o produto recollido ata ter a certeza de que non podía ser localizado, para o que contaba coa axuda da muller que tamén foi detida desta operación.

Tendo en conta todo isto, os axentes dispuxeron un amplo e discreto dispositivo por toda a zona durante varios días, para poder coñecer con detalle a súa forma de actuar e poder así proceder á súa detención.

No momento da detención, comisouse un vehículo, un equipo completo de submarinismo, o torpedo que empregaba para desprazarse, varios útiles para a extracción e limpeza do molusco (áncora, lanterna, rebarbadora, redes…), así como 44 quilos de percebe de gran tamaño, que en lonxa poderían alcanzar un valor de 5.200 euros. Os percebes foron entregados á Residencia Padre Rubinos.

As dilixencias foron remitidas ao xulgado de Garda da Coruña

19 de xuño de 2019 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.