publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Lei de patrimonio natural inicia o trámite parlamentario como proxecto de país para protexer un dos nosos sinais de identidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A futura Lei de Patrimonio Natural iniciou hoxe a súa tramitación parlamentaria cunha chamada ao consenso a todos os grupos representados na Cámara para enriquecer un texto chamado a protexer e garantir a conservación dun dos grandes sinais de identidade de Galicia: a súa riqueza natural. Así o pediu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no debate á totalidade da lei, que nos últimos meses someteuse xa ao ditame do Consello da Xunta e superou tamén o trámite de información pública.

“A nosa aspiración é que a nova Lei de Patrimonio Natural sexa un proxecto de país, de consenso e con garantía de futuro”, subliñou a responsable autonómica de Medio Ambiente, quen se mostrou convencida de que a busca do máximo acordo na Cámara é posible e lembrou que xa durante a fase de alegacións o Goberno galego estimou, de forma total ou parcial, preto do 65% das achegas recibidas, enriquecendo así o texto orixinal.

O proxecto lexislativo defendido hoxe pola conselleira virá substituír e actualizar a Lei de Conservación da Natureza, aprobada hai 18 anos. Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que coa nova lei se busca adaptar a regulación galega nunha materia tan importante coma esta á lexislación básica estatal, ao tempo que se actualiza e moderniza o marco normativo vixente para substituílo por outro capaz de responder aos problemas e necesidades detectados nas dúas últimas décadas.

Máis alá destes obxectivos de actualización e adaptación que aspira a cumprir a futura norma, a conselleira explicou que entre as súas metas esenciais tamén figuran consolidar a prevalencia da protección medioambiental sobre a ordenación territorial e urbanística; garantir a conservación, o uso sostible, a mellora e a restauración do patrimonio natural e da biodiversidade galegas; e fomentar a información pública e os mecanismos de colaboración, cooperación e participación da sociedade no deseño e execución das políticas desta área. E todo, engadiu, compatibilizando a protección transversal da natureza e a biodiversidade coa garantía de que as xeracións presentes e futuras poidan gozar do seu patrimonio natural.

Para acadar os obxectivos desta “ambiciosa lei”, Ángeles Vázquez fixo un repaso por algunhas das principais novidades que incorporará o texto. Polo que respecta á protección e conservación dos espazos naturais, sinalou que incorpora novas figuras de protección. É o caso das microrreservas, pensada para espazos naturais cunha superficie de menos de 20 hectáreas con especies ameazadas ou hábitats raros, ou o espazo protexido da Rede Natura 2000, que inclúe as zonas LIC, ZEC e ZEPA e lles dará un maior grao de protección ao incorporalos, por lei, na Rede Galega de Espazos Protexidos.

Tamén se amplía e modifica o ámbito dos Espazos Naturais de Interese Local (ENIL), que de acordo coa futura lei poderán abranguer máis dun concello; e establécese que a declaración dun novo espazo protexido levará aparellada a aprobación do correspondente instrumento de planificación, que terá unha vixencia indefinida, agás no caso dos Plans Reitores de Uso e Xestión, que como mínimo estarán en vigor durante unha década.

En canto á biodiversidade, a conselleira incidiu na necesidade de protexela e poñela en valor a través da nova lei lembrando que a día de hoxe hai identificadas en Galicia 126 especies vulnerables e 76 en perigo de extinción. Para garantir a súa conservación, crearase o Listado de especies silvestres de protección especial, regularase por primeira vez a conservación e cría de especies fóra do seu hábitat, farase un Catálogo de hábitats en perigo de desaparición e fixarase un conxunto de prohibicións relativas a aquelas prácticas lesivas, agresivas ou que poidan molestar ás especies silvestres animais.

O texto, ademais, introducirá grandes novidades en materia sancionadora, desde unha nova tipificación das infraccións, simplificada e na que desaparecen as de carácter menos grave, ata un endurecemento da contía das multas, que nos casos máis extremos multiplicaranse por sete respecto á lei actual. Nesta liña, a conselleira fixo fincapé na importancia que se lle dá na futura normativa á reparación do dano causado e á reposición do elemento natural alterado ao seu estado anterior, citando a modo de exemplo que se prevé unha redución do 20% das sancións en caso de que o infractor admita a súa responsabilidade.

Continuación do esforzo da Xunta

A futura Lei de Patrimonio Natural, segundo explicou a conselleira, virá redobrar e continuar os esforzos realizados polo actual Goberno autonómico nos últimos anos para a conservación do medio ambiente e a biodiversidade de Galicia porque, engadiu, “a riqueza natural da nosa terra é o que nos define como galegos”.

Así, referiuse ao deseño e aprobación do primeiro Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural de Galicia, cun orzamento de catro millóns e que identifica 17 espazos imán na comunidade, á posta en marcha da primeira Rede Galega de Parques Naturais ou á creación da Rede Galega de Reservas da Biosfera, que garante unha canle de cooperación e traballo conxunto entre os seis espazos que teñen esta declaración na comunidade.

25 de xuño de 2019 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.