publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Estratexia da Cultura de Galicia chega ao Parlamento para impulsar a cultura como servizo básico e valor económico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar os avances e informar dos derradeiros pasos da tramitación da Estratexia da Cultura de Galicia (ECG21), a folla de ruta que guíe a acción política da Administración autonómica nesta materia durante os próximos anos, co obxectivo de fortalecer a nosa industria cultural como piar na creación de riqueza e emprego.

O director contextualizou a petición do interese da Xunta por fixar “puntos de encontro” e coñecer de primeira man as observacións e achegas dos grupos parlamentarios sobre este documento marco, do que os grupos contan cun resumo executivo, “coa finalidade de valorar a súa inclusión antes da súa exposición pública”, solicitando obrar, en palabras de Lorenzo, “con altura de miras e con orgullo da cultura que estamos entre todos e todas a producir”.

“Como saben ‒explicou o director xeral‒, é a primeira vez que o Goberno galego elabora unha estratexia específica dirixida ao ámbito da cultura que parte dunha reflexión, común e compartida, entre todos os axentes e sectores do ecosistema cultural galego. Isto permitiría dispoñer dunha visión e dun plan de traballo axustado ás necesidades da sociedade galega tendo en conta as capacidades obxectivas e estimadas do sector cultural galego.”

Logo da comparecencia e de escoitar as propostas dos grupos parlamentarios, nos vindeiros días publicarase na páxina www.cultura.gal o anteproxecto de estratexia e abrirase durante un prazo de dúas semanas un proceso de consulta pública arredor da ECG21 no que se poderán facer alegacións.

Un proceso aberto e participativo

A elaboración da ECG21 baseouse nun proceso aberto e participativo que favorecese o debate propositivo e a fixación de liñas, obxectivos e medidas de actuación por parte dos profesionais e empresas culturais, das institucións, das entidades de base e do asociacionismo cultural, para desenvolver unha estratexia da cultura como servizo público, industria cultural e elemento de identidade e cohesión social.

En concreto, 490 persoas interviñeron nas xuntanzas territoriais realizadas nas sete cidades galegas e nos oito grupos de traballo sectoriais que xiraron ao redor do Libro, o Audiovisual, as Artes escénicas, a Música no eido da difusión da cultura, a Música como Industria cultural, as Artes plásticas e visuais, o Patrimonio cultural e as Institucións culturais. Foron, en total, 85 horas de discusión sobre os aspectos e intereses nucleares sobre o presente e futuro da cultura galega.

Para contextualizar a situación de partida, dispúxose dun diagnóstico da cultura galega elaborado, a petición da Xunta, por un ente estatutario e independente do máximo nivel como é o Consello da Cultura Galega. Este, a través do Observatorio da Cultura Galega, realizou un informe-diagnóstico arredor dos sectores culturais que singularizaba as características do sistema no noso contexto histórico e social. En concreto, recollíase que a cultura é un sector de gran relevancia social e peso económico en Galicia, xa que preto de 30.000 persoas están traballando neste campo que supón un 2% da riqueza galega.

Liñas, obxectivos e medidas

A ECG21, presentada e debatida esta mañá en sede parlamentaria, está vertebrada arredor dun total de seis liñas e 34 obxectivos estratéxicos. En concreto, as seis liñas estratéxicas previstas comezan polo establecemento dun pacto pola cultura galega, tendo en conta o seu valor esencial para o desenvolvemento da nosa sociedade; a consolidación das Industrias Culturais e Creativas; o impulso da creación, distribución e acceso cultural; o fortalecemento da función social das institucións e entidades da cultura; a valoración do patrimonio cultural como recurso endóxeno; e o posicionamento internacional da Cultura Galega.

Pola súa banda, cada un dos obxectivos estratéxicos asóciase á súa vez a unha das liñas antes descritas. Así, vencellado ao establecemento dun pacto social, prevese actuar na sensibilización e participación social, optimizar os equipamentos e servizos culturais, ou actuar na dixitalización e no coñecemento das dinámicas da cultura galega. No caso da consolidación das industrias culturais, apóstase polo fortalecemento das industrias culturais e a profesionalización; abórdanse o reforzamento e consolidación dos cinco sectores básicos; e establécese un obxectivo dedicado a sectores emerxentes relevantes, como o videoxogo, o deseño ou o turismo.

Cando falamos da liña de impulso da creación, os obxectivos previstos céntranse no pulo de todas as fases creativas, a captación e fidelización de públicos, na innovación e no emprendemento, e na Cidade da Cultura de Galicia. Se imos á liña estratéxica cuarta, centrada no fortalecemento das institucións e entidades culturais, os obxectivos céntranse no labor imprescindible das institucións culturais de referencia: bibliotecas, arquivos e museos, así como das fundacións culturais, tanto na preservación do coñecemento e do saber como na dinamización cultural actual.

Ademais, na liña quinta, centrada no patrimonio cultural, afondarase no proceso de inventario e catalogación, apoiarase a conservación e rehabilitación e promoverase a difusión e posta en valor. Finalmente, na sexta, relativa ao posicionamento internacional da cultura, os obxectivos pivotan arredor da proxección exterior da cultura galega, como marca recoñecida e valorada en termos tanto económicos como de representación.

En cada obxectivo estratéxico enunciaranse medidas concretas que, entre outras, se atoparán nalgunha das seguintes categorías: desenvolvementos normativos, plans concretos, a creación de novos órganos de asesoramento e cooperación, e apoio á innovación, ao dixital e ao emprendemento cultural.

Para concluír, cómpre destacar que na Estratexia se inclúen diversas actuacións vinculadas coa Cidade da Cultura de Galicia e que tamén está presente o Ano Xacobeo de 2021 pola relevancia do Camiño de Santiago como elemento de identidade, de valor económico, de proxección internacional e de hibridación dos diferentes sectores creativos de Galicia.

20 de xuño de 2019 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.