publicidade hoxe

Un total de 44 empresas vinícolas galegas están presentes na X edición da Feira Nacional do Viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, asistiu esta mañá á inauguración da X edición da Feira Nacional do Viño (Fenavin), en Cidade Real, para apoiar coa súa presenza ás 44 empresas coexpositoras que participan nesta feira da man da Consellería do Medio Rural e dos consellos reguladores dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Alí, o director destacou que desde o Goberno galego “apostamos decididamente polo viño como un dos motores fundamentais do medio rural”, tendo en conta a súa condición de sector dinámico e xerador de emprego e riqueza, matizou Manuel Rodríguez. Así mesmo, subliñou que dende a Xunta púxose en marcha unha ambiciosa estratexia para dinamizar as cinco denominacións de orixe vinícolas galegas, reforzando as sinerxías con outros ámbitos, como o turismo ou a cultura e contemplando sempre o importante papel do viño desde o punto de vista económico e social.

Estas entidades están ubicadas nun posto de 335 metros cadrados da consellería, identificadas cada unha delas coa súa correspondente denominación de orixe. Así, das 44 empresas, 25 pertencen á DO Rías Baixas, 9 ao Ribeiro, 6 á Ribeira Sacra e 4 á Valdeorras.

Ademais, e como novidade, este ano Galicia presenta un túnel do viño onde os visitantes poderán degustar os viños, licores e augardentes gañadores dos acios e potes de Galicia nas catas de 2018, incluídos os caldos da DO Monterrei. En total, neste túnel estarán expostas 144 referencias.

A Feira Nacional do Viño celebra a súa X edición coa previsión de acadar máis de 7.013 reunións. Este ano acreditáronse algo máis de 19.000 compradores, dos que case 14.000 son nacionais, uns 3.000 internacionais e 2.000 profesionais do viño en xeral. Ademais, rexistráronse algo máis de 3.000 expositores, aínda que no conxunto da feira estarán presentes máis de 25.500 persoas e preto de 2.000 adegas. Este ano maximízase o espazo expositivo, con ata 33.346 metros cadrados, é dicir, un 7% máis que na pasada edición e dous novos pavillóns.

7 de maio de 2019 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.