publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 163 areais, portos, sendeiros e aulas-centros de natureza galegos lucirán este verán o distintivo de bandeira azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2019. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107; que se eleva a 169 distincións para praias, portos deportivos, sendeiros e aulas e centros da natureza.

Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79).

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo (7), Marín e Baiona, con 5 cada concello.

Na provincia da Coruña, os municipios de Arteixo e Boiro son os que máis recoñecementos deste tipo obteñen este ano, con sete -ao igual que en 2018-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos.

Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello máis recoñecido, con cinco galardóns para as praias de Areoura, Peizás, Llás, As Polas e A Rapadoira; mentres que perde o distintivo para a praia da Pampillosa.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 29 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. Por primeira vez, o sendeiro Praia de Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) e o tramo Ruta Monte e Praias da Rede de sendeiros azuis de Marín lucirán este distintivo.

(Ao final das táboas coa relación de bandeiras azuis para os areais galegos, indícanse os sendeiros distinguidos).

Portos deportivos, centros e sendeiros azuis

En relación aos portos deportivos, en 2018 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia de Pontevedra a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por A Coruña con cinco e un na provincia de Lugo.

É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Redondela, Marín, Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela e Cervo, por ser quen de manter estes recoñecementos.

7 de maio de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.