publicidade hoxe

Sergas e Fademga colaboran en mellorar a accesibilidade cognitiva en centros de saúde e hospitais para os discapacitados intelectuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na sinatura do convenio

O conselleiro de Sanidade na sinatura do convenio

Co obxecto de desenvolver actividades dirixidas á sensibilización dos profesionais do Sergas e a mellora da comunicación coas persoas con discapacidade intelectual no ámbito do sistema sanitario público, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración.

Entre as actividades a desenvolver no marco deste convenio están o Programa Aténdeme-Enténdeme, consistente en visitas programadas aos centros de saúde de persoas con discapacidade intelectual acompañadas dun famiiar e un profesional de Fademga. Durante as visitas transmitirán aos profesionais do Sergas as súas necesidades e características propias, así como algunhas ferramentas para mellorar as habilidades dos profesionais na comunicación coas persoas con discapacidade intelectual.

Tamén, ao abeiro deste convenio, realizaranse accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva en centros de saúde e hospitais para a detección de barreiras e a súa eliminación. Enténdese por accesibilidade cognitiva a propiedade que teñen contornas, procesos, bens, produtos, obxectos, servizos, instrumentos, ferramentas e dispositivos que resulten de fácil comprensión. A accesibilidade cognitiva implica que as persoas entenden a contorna e interactúen con ela, posibilitando a súa participación nas actividades do día a día.

Así mesmo, Sergas e Fademga colaborarán nas campañas de sensibilización mediante a difusión de vídeos, guías, carteis ou calquera outro material entre os profesionais do Sergas para mellorar o coñecemento da discapacidade intelectual.

A colaboración do Sergas comprenderá a posta a disposición das instalacións e os medios axeitados para o desenvolvemento das actividades do programa Aténdeme-Enténdeme e das accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva, así como informar aos responsables dos centros de saúde e hospitais para a súa colaboración nestas iniciativas. Tamén o Sergas porá a disposición as instalacións e canles corporativos para a difusión dos materiais gráficos e audiovisuais das posibles campañas de difusión.

Pola súa banda, Fademga formará ás persoas con discapacidade intelectual e aos familiares que forman parte do programa aténdeme-enténdeme; trasladará ao Sergas información sobre as visitas a centros de saúde e hospitais das barreiras detectadas e as opcións de mellora, e realizará o deseño e elaboración de vídeos, guías e folletos e outro material de sensibilización.

20 de maio de 2019 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.