publicidade hoxe

Rosa Quintana destaca en Expomar o potencial pesqueiro da lonxa de Burela que acumula unha facturación de 1.000 millóns de euros desde o 2001

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Rosa Quintana na inauguración de Expomar

Rosa Quintana na inauguración de Expomar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a puxanza pesqueira de Burela e a súa liña á alza na valorización comercial dos seus produtos do mar, que nos últimos dez anos incrementaron o seu prezo medio en máis dun 80%. A isto engadiu que a lonxa de Burela acadou en marzo unha facturación acumulada de 1.000 millóns de euros desde 2001, “unha cifra que moi poucas lonxas poden acadar en Europa e que dá imaxe da capacidade económica deste sector nesta vila”.

Así o sinalou durante a inauguración da XVIII Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Alí tamén destacou o incremento da venda de novos produtos na lonxa, que hoxe ofrece 114 especies diferentes de peixes e mariscos, fronte ás 82 que vendía no 2001.

Esta liña a alza, engadiu a titular de Mar, tamén se reflicte no valor das vendas que é de arredor de 70 millóns de euros nos últimos anos fronte aos 35 millóns de euros de comezos da década do 2000. A conselleira tamén destacou o redimensionamento constante do porto de Burela, que na actualidade conta con máis de 1.100 metros de dique e 67.000 m2 de espazo portuario. A isto engadiu a modernización progresiva da frota que hoxe conta con 78 barcos.

Este dinamismo do sector, expuxo Rosa Quintana, proxéctase na feira Expomar, “que aumenta nun 15% o número de postos e noutro tanto a superficie que ocupa, acadando eses 135 expositores e os 4.000 m2 de espazo para amosar os avances do sector”. Un destes expositores é o da Consellería do Mar, que conta con 110 m2 de superficie.

A titular de Mar manifestou o orgullo de contar con este evento en Galicia, unha das tres grandes feiras marítimo-pesqueiras que teñen lugar na comunidade autónoma galega e que “serve de inspiración para outras feiras irmás como a que se celebra en Cabo Verde”. Ademais recoñeceu o labor da xente que a fai posible, o dos patronos, o do Consello Asesor e o da súa xerencia. Neste sentido, sumouse ao recoñecemento que Expomar vai facer o domingo “a tres persoas mariñás de berce ou adopción”.

Estas persoas son Narciso González, en agradecemento polo seu traballo no nacemento e desenvolvemento da feira monográfica Expomar; Catalina Sánchez, polo seu labor no desenvolvemento e crecemento da Fundación Expomar, e Anxo Rodríguez, que personaliza a traxectoria do programa Vivir o mar da Televisión de Galicia, un espazo que “centra o seu traballo a prol do mar de Galicia e da súa difusión pública”.

A feira Expomar

Expomar é unha feira monográfica con proxección internacional e de carácter bianual. A edicición anterior, celebrada en 2017, estivo composta por 118 expositores, repartidos ao longo de 3.500 m2, nos que estiveron representadas unhas 300 firmas empresariais. Esta edición conta coa presenza de 135 expositores e cunha superficie dispoñible de 4.000 m2, tendo que ampliarse tamén nun 15% con respecto a 2017 debido á demanda das empresas de asistir a este certame. De xeito paralelo a esta feira celébranse as xornadas técnicas Expomar, nas que se abordan temas de actualidade do sector pesqueiro.

9 de maio de 2019 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.