publicidade hoxe

Remitida ao Parlamento a futura Lei de patrimonio natural que avanzará na protección ambiental cunha maior participación social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta do texto da Lei de patrimonio natural que será remitida ao Parlamento de Galicia, tras ser sometido o seu borrador a información pública.

Durante a súa intervención, Feijóo precisou que esta lei, que consolida a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística, é necesaria para adaptar o actual texto de 2001 ás novidades que se produciron, para aproveitar a experiencia acumulada durante estes anos e para incorporar melloras e delimitar claramente as competencias da Comunidade. O titular da Xunta sinalou como principais novidades que se marca a dita lei: lograr unha maior protección do noso patrimonio natural e establecer mecanismos de cooperación con outras administracións.

Deste xeito, indicou, o texto plantexa condicionar o outorgamento das autorizacións previstas na lei a unha garantía financeira previa e, co fin de evitar retrasos entre a protección dun espazo natural protexido e a aprobación do seu correspondente instrumento de planificación, prevé que ambos trámites sexan simultáneos.

Ademais, dixo, os instrumentos de planificación para os espazos que se aproben ao abeiro desta lexislación terán unha vixencia indefinida, agás no caso dos plan reitores, en cuxo caso a súa vixencia será dun mínimo 10 anos. E, Por outra banda, abundou, crearase unha nova figura, a subcategoría de microreservas que busca preservar e protexer por un prazo de tempo determinado aqueles espazos cunha superficie inferior a 20 hectáreas que conteñan hábitats raros ou de especies ameazadas.

No eido dos espazos naturais de interese local (Enil), o mandatario galego explicou que se ampliará o seu ámbito, poderán comprender espazos integrados en máis dun termo municipal e destacou tamén que a área de influencia socioeconómica poderá abarcar tamén a municipios limítrofes coa conseguinte posibilidade de que a Xunta outorgue axudas nestas áreas.

En relación ao réxime de protección cautelar, Feijóo explicou que se manterá, de tal xeito que calquera autorización que habilite a realizar transformacións no ámbito territorial dun espazo natural protexido someterase a informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para garantir que non exista minoración do estado de conservación natural.

Cómpre subliñar que no ámbito da conservación da biodiversidade, como novidade con respecto á norma en vigor, inclúese a regulación dos hábitats, concretamente, a lei crea o catálogo de hábitats en perigo de extinción de Galicia. E, na mesma liña, crearase a lista de especies silvestres en réxime de protección especial, o inventario galego do patrimonio natural e da biodiversidade e regularase a conservación ou cría fóra do hábitat.

Logo de precisar que a lei tamén promove unha maior participación social, o presidente da Xunta explicou que esta recolle a necesidade de integrar a conservación do patrimonio natural na educación ambiental, a mellora do coñecemento científico a través da coordinación coas universidades e demais institucións de investigación públicas e privadas, o establecemento de mecanismos de colaboración, así como cambios substanciais no réxime sancionador, incrementando as contías e promovendo a reposición de danos, sentenciou.

9 de maio de 2019 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.