publicidade hoxe

Os premios Martín Códax da música entréganse o 8 de maio en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura e Turismo apoia un ano máis a organización dos Premios Martín Códax da Música, que entregarán os galardóns da súa sexta edición no transcurso da gala que terá lugar o vindeiro mércores 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. O dúo poético-musical Aldaolado é o encargado de conducir este evento, para o que se conta coa dirección artística de Quico Cadaval e coa musical de Pablo Castaño, á fronte dun septeto de jazz.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta gala, no transcurso da que se darán a coñecer o nome dos proxectos gañadores nas 15 categorías musicais convocadas e dos tres premios Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. Tamén se lle fará entrega do premio honorífico ao músico estradense Carlos Barruso.

Sutil compartiu mesa con Javier Prado, voceiro de Músicas ao Vivo, asociación que convoca estes recoñecementos anuais, e cos representantes do resto de entidades colaboradoras. Ademais de deixar constancia da colaboración da Xunta aos Premios Martín Códax da Música desde a súa primeira convocatoria, materializado a través dun convenio entre a Agadic e Músicas ao Vivo, referiuse especificamente á súa gala de entrega como unha cita de relevancia crecente no calendario cultural galego. “Cumpre coa súa finalidade principal de darlles realce e recoñecemento aos profesionais da música galega actual, pero tamén constitúe, en si mesma, un coidado espectáculo”, sinalou.

Ademais de felicitar a Músicas ao Vivo polo seu traballo no mantemento desta convocatoria desde hai seis anos, Jacobo Sutil incidiu no papel que xogan este tipo de galardóns profesionais como incentivo e promoción dos proxectos e profesionais da cultura. “Esa é outra das razóns polas que colaboramos cos Martín Códax para o ámbito musical, ao igual que tamén o facemos cos María Casares para o sector teatral e cos Mestre Mateo para o audiovisual”, engadiu.

3 de maio de 2019 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.