publicidade hoxe

Os novos contratos de transporte incrementan un 16% a achega de fondos públicos para blindar o emprego e os servizos de autobús no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que os novos contratos de transporte interurbano deseñados pola Xunta incrementan nun 16% a achega de fondos públicos da administración autonómica para blindar o emprego e os servizos de autobús no rural galego.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Vázquez Mourelle lembrou que o Executivo autonómico se manifestou a favor de paralizar o procedemento de contratación de transporte público ata que o Tribunal administrativo de contratación se pronuncie sobre o recurso anunciado polas patronais do transporte.

Explicou que o obxectivo da Goberno galego é avanzar no procedemento contando con plenas garantías xurídicas, evitando a inseguridade e o posible prexuízo aos propios licitadores e ao mesmo servizo público.

Tal e como dixo a conselleira, todo o traballo desenvolvido pola Dirección xeral de Mobilidade permite poder agardar a ter ese pronunciamento do Tribunal e que os primeiros 100 contratos de transporte entren en funcionamento en agosto, cumprindo tamén co establecido na normativa europea para culminar neste ano 2019 a renovación de todo o mapa de servizos de autobús interurbano da comunidade a través do Plan de Transporte Público de Galicia.

Neste sentido, Ethel Vázquez incidiu que co Plan de transporte público de Galicia a Xunta está a salvagardar o interese público, e o interese dos traballadores do sector, actuando con responsabilidade polo interese xeral dos galegos e con garantías laborais para os seus traballadores, como proba o acordo referencia renovado recentemente coas tres centrais sindicais.

Así puxo en valor o esforzo técnico e administrativo da Xunta de Galicia no deseño dun plan de transporte público equilibrado economicamente. E aquí apuntou que os primeiros 100 contratos de transporte supoñen unha achega 500 millóns de euros de fondos públicos, ascendendo o volume de negocio dos servizos asociados a 630 millóns de euros.

Polo tanto, engadiu, desde a Xunta achegaranse 50 millóns ao ano para que Galicia teña transporte público. Unha achega económica –concretou- que, con respecto aos contratos previos se incrementa nun 16%, o que garante a subrogación dos traballadores, a calidade do emprego e a viabilidade económica dos contratos.

Indicou que en todo este proceso, a Xunta cínguese a atender á obriga legal de licitar cun proceso participativo e transparente todas as liñas e servizos de transporte interurbano de Galicia. Están en xogo os servizos aos cidadáns, os empregos e o futuro do rural, remarcou.

Ethel Vázquez apelou á defensa dos intereses xerais dos galegos fronte aos intereses lexítimos das empresas, o interese económico, e asegurou que o Goberno galego seguirá traballando, como xa vén facendo, por un transporte público moderno e máis útil para os cidadáns, que sexa garantía de emprego e ofreza estabilidade aos traballadores do sector, sostible desde o punto de vista ambiental e viable economicamente. En definitiva, concluíu, un transporte público con futuro.

8 de maio de 2019 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.