publicidade hoxe

Os galegos dispoñen de máis de 12 liñas de axudas á mellora e rehabilitación de vivendas coas que recuperar o patrimonio edificatorio de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión do Comité Directivo da CEO

Ángeles Vázquez na reunión do Comité Directivo da CEO

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou que os galegos poden acceder a axudas para a rehabilitación a través de doce liñas de actuación que habilita a Xunta para recuperar e mellorar o patrimonio edificatorio e urbano de Galicia. Así o trasladou esta mañá na reunión do Comité Directivo da Confederación de Empresarios de Ourense, onde recordou que o conxunto das medidas dirixidas a propietarios e comunidade veciñais, concellos e promotores acadan un orzamento global de máis de 30 millóns de euros para o actual exercicio.

Ángeles Vázquez salientou que a primeira Lei de rehabilitación de Galicia entra hoxe en vigor, co obxectivo de afianzar a cultura da rehabilitación, dinamizar os núcleos rurais e os cascos históricos e facilitar a recuperación do construído protexendo o patrimonio actual, xa que non hai maior desprotección que o abandono, insistiu.

A lei de rehabilitación é a ferramenta que facilita e apoia a quen quere rehabilitar, xa que amplía os supostos para a concesión de licenzas directas por parte dos concellos, simplifica os procesos e xa non será necesario contar coa autorización previa da Administración autonómica para traballos como cambio de cuberta, actuacións en carpintarías exteriores, en fachadas ou no interior das edificacións, sempre que non afecten valores protexidos.

Explicou que tamén se prevé a declaración de Áreas Rexurbe, de interese autonómico, para núcleos históricos ou áreas especialmente degradadas, dando unha resposta áxil á situación que presentan determinados ámbitos que precisan dunha rápida intervención tanto no plano edificatorio como no social, ambiental e económico. Engadiu que para coordinar as actuacións e apoiar a súa tramitación crearase un Centro Rexurbe, así como un fondo, unha liña de incentivos coas que financiar proxectos de rehabilitación integral.

Nesa liña, a conselleira tamén destacou última liña de axudas creada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, coa que se facilitará a adquisición de vivenda nos centros históricos dirixidas especificamente a menores de 35 anos, e que estará dotada de 800.000 euros. A finalidade é levar á mocidade aos centros históricos das vilas, onde poder vivir e levar a cabo o seu proxecto de vida.

Vázquez Mejuto argumentou que esta acción tamén ten un impacto positivo na actividade empresarial da provincia e defendeu que as actuacións e políticas da Xunta deben camiñar da man dos empresarios para conseguir un urbanismo responsable, co fin de que xeren emprego, faciliten o asentamento empresarial e melloren os servizos e a calidade de vida dos galegos.

Nese sentido, recordou que a política sobre solo empresarial da Xunta tamén persegue ditos obxectivos. Recordou que na provincia de Ourense hai, actualmente, máis de 130.000 metros cadrados en 8 parques empresariais e con bonificacións do 50% no prezo: Vilamarín, Pereiro de Aguiar, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Pazos (en Verín) e na central de transportes de San Cibrao das Viñas. Destacou que son importantes bonificacións, para facilitar o asentamento empresarial e a xeración de novas oportunidades construtivas, de negocio e emprego e lembrou que no período 2015-2018 se adxudicaron máis de 170.000 metros cadrados cunhas bonificacións de máis de medio millón de euros.

22 de maio de 2019 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.