publicidade hoxe

O Portal da Lingua Galega difunde 12 vídeos de conversas con Antonio Fraguas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Valentín García na presentación dos 12 vídeos de conversas con Antonio Fraguas

Valentín García na presentación dos 12 vídeos de conversas con Antonio Fraguas

O Portal da Lingua Galega, www.lingua.gal, da Consellería de Cultura e Turismo, difunde desde hoxe na súa sección dedicada ás Letras Galegas do ano 2019 os 12 vídeos de conversas con Antonio Fraguas pertencentes ao proxecto Antonio Fraguas, da aldea á Academia, elaborado por Acuarela Comunicación coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística por medio da mencionada secretaría xeral. Trátase dunha selección de conversas do director de cinema Xan Leira co autor das Letras Galegas 2019 gravadas nos anos 1997 e 1999, poucos meses antes do pasamento de Antonio Fraguas.

As 12 pezas que conforman o proxecto refírense a diferentes momentos da vida do polígrafo de Cerdedo-Cotobade e, a través dela, da historia social, cultural e política da Galicia do século XX. Nelas amósase a importancia que o autor lle daba á investigación, recuperación e transmisión do saber popular para elevalo a categoría académica. Este contido vese reflectido nos títulos dos doce vídeos: Os primeiros tempos, Castelao, o seu mestre de debuxo, As Irmandades da Fala, O Seminario de Estudos Galegos, O Partido Galeguista, A campaña polo Estatuto, O seu ingreso na RAG, Reflexións sobre a lingua galega, Mitos e lendas, Sobre o traxe tradicional galego, Sobre os oficios e Sobre os xogos tradicionais.

Os vídeos de conversas que integran o proxecto Antonio Fraguas, da aldea á Academia forman parte dos recursos que a Xunta de Galicia pon a disposición dos equipos de dinamización da lingua galega, centros de estudos galegos e, en xeral, da cidadanía, para difundir a vida e a obra do autor a quen se lle rende homenaxe o Día das Letras Galegas. Entre eles unha biografía de Fraguas, imaxes, vídeos, unidades didácticas e recursos elaborados polos propios equipos de dinamización da lingua dos centros educativos: xogos, cancións, carteis e ata un telexornal. Todos eles están accesibles en www.lingua.gal/letras-galegas-2019.

15 de maio de 2019 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.