publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo modelo asistencial do 061 de Galicia incorporará 12 médicos e 24 enfermeiros para a atención exclusiva ás urxencias extrahospitalarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSucesos
A-
A+

O novo modelo asistencial da Rede de transporte sanitario urxente terrestre (RTSU) da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incorporará 12 médicos e 24 enfermeiros, xunto con preto de 100 técnicos en emerxencias sanitarias (TES), que proporcionarán atención exclusiva ás urxencias e ás emerxencias no medio extrahospitalario. A posta en funcionamento deste modelo, xa implantado noutras comunidades autónomas, está prevista para o próximo mes de outubro, no que se prevé a adxudicación do concurso para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre na Comunidade galega, que neste momento se atopa na fase de licitación.

Así, a Rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 de Galicia incorporará dúas ambulancias de soporte vital avanzado (SVA) medicalizadas con base no concello de Monforte de Lemos e na Bisbarra do Salnés. Ademais, a ambulancia de SVA con base en Foz incorporarase a este modelo asistencial en resposta aos resultados dos estudos que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza periodicamente co obxectivo de manter e mellorar a calidade organizativa e asistencial. Os estudos están baseados, principalmente, no tipo de servizos realizados e nas recomendacións e investigacións científicas que avalan a calidade asistencial en calquera tipo de patoloxía urxente extrahospitalaria e interhospitalaria realizada coa mesma dotación de recursos humanos.

Resposta inmediata nos traslados interhospitalarios

A incorporación destas tres unidades de SVA con médico permitirá, de xeito prioritario, dotar a estas bisbarras dun recurso de resposta inmediata para os traslados dos doentes atendidos nos hospitais comarcais correspondentes (Monforte, Salnés e Hospital da Costa), que teñan sufrido un infarto agudo de miocardio, un ictus ou ben unha sepse e que podan beneficiarse dos programas, que o Servizo Galego de Saúde, ten desenvolvidos, como o Progaliam, o Plan ictus ou o Código sepse. Ademais, trasladarán a outros hospitais galegos a todos aqueles pacientes críticos urxentes destes hospitais comarcais que necesiten continuidade máis especializada dos seus coidados ou ben a realización de probas diagnósticas especiais. Todos estes recursos contarán con persoal especialista na asistencia e transporte de urxencias e emerxencias.

Neste senso, cómpre subliñar que outras comunidades autónomas como País Vasco, Illas Baleares, Andalucía, Cataluña, Illas Canarias e o Samur de Madrid levan tempo traballando con este modelo de ambulancia de SVA medicalizada cuns resultados que avalan a calidade asistencial destes recursos na atención a calquera tipo de patoloxía urxente tanto extrahospitalaria coma interhospitalaria.

Catro novas ambulancias de SVA de enfermería

Por outra banda, o novo contrato tamén inclúe catro ambulancias asistenciais de SVA de enfermería con base nas cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo, cunha dotación composta por un enfermeiro e un técnico en emerxencias sanitarias (TES), que realizarán funcións específicas e adecuadas ás necesidades sanitarias dos pacientes. Estas ambulancias estarán coordinadas polo persoal facultativo da Central de Coordinación do 061 de Galicia e permitirán mellorar a calidade asistencial e os tempos de asistencia dos pacientes nos seus domicilios, optimizando os desprazamentos do persoal médico e de enfermería de Atención Primaria no seu traballo diario e completando os horarios de asistencia en tempos óptimos nas zonas de núcleos poboacionais dispersos e pouco habitados.

Así, o novo modelo asistencial do 061 de Galicia engadirá estas seis ambulancias de SVA ás 10 ambulancias medicalizadas que compoñen o modelo actual para a asistencia ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias (cunha dotación de médico, enfermeiro e dous TES); incrementará o número de ambulancias de SVB ata as 107 unidades, coa incorporación dunha ambulancia de SVB no concello do Carballiño (que manterá o modelo actual de dous TES); e, por último, as unidades non asistenciais con base nos concellos de Pedrafita do Cebreiro e de Folgoso do Courel incrementarán a súa operatividade de 10 a 24 horas.

Deste xeito, o novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente terrestre, contribúe ao Plan de reforma do sistema de Atención Primaria en Galicia e constitúe un complemento de especial valor do sistema sanitario público na atención integral aos pacientes. Baseado nun plan de reestruturación da RTSU, mellorará a calidade asistencial e a seguridade do paciente co incremento do número de unidades asistenciais de soporte vital básico e avanzado, o que permitirá unha mellora nos tempos de resposta ante calquera urxencia ou emerxencia sanitaria.

Por último, á reestruturación da Rede de transporte sanitario urxente terrestre, engádese, desde desde o pasado 16 de abril, o incremento das horas de operatividade dos dous helicópteros medicalizados, con base en Santiago e Ourense, que aumentaron das 12 horas diarias a estar operativos de orto a ocaso. Deste xeito, increméntase o tempo de operatividade nos meses estivais, nos que o número de horas de sol é maior. Ademais, o número de horas de voo dos helicópteros medicalizados aumenta en 210 horas anuais, que se engaden ás 640 horas de servizo anual establecidas no anterior contrato para ambas as dúas aeronaves.

7 de maio de 2019 | 16:57 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario