publicidade hoxe

O novo catálogo de espectáculos públicos actualiza as distintas tipoloxías para adaptalas ás necesidades reais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda na Comisión de espectáculos públicos

Alfonso Rueda na Comisión de espectáculos públicos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, encontro no que se presentou e analizou o proxecto de Decreto polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público de Galicia.

A finalidade principal deste novo texto é adaptar o catálogo anterior, de 2004, ás necesidades reais actuais e ás novas formas de ocio, asegurando a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso da cidadanía.

O texto foi elaborado de acordo cos dous grupos de traballo constituídos no seo desta Comisión e foi sometido tamén ao trámite de información pública.

O proxecto de Decreto establece unhas disposicións de carácter xeral e inclúe como anexo un Catálogo no que se recollen as diversas tipoloxías de establecementos públicos, espectáculos públicos e actividades recreativas. Desta forma, dótase tanto aos titulares de establecementos como aos organizadores dun marco normativo estable.

Entre as principais novidades, destaca a eliminación de figuras como os karaokes ou tablaos flamencos, xa que a súa incidencia en Galicia non xustifica unha tipoloxía propia e poden encadrarse noutras xa existentes. Ao mesmo tempo, incorpóranse novas figuras como os espectáculos pirotécnicos, as salas de concertos e os parques multiocio.

Tamén se establecen os criterios para determinar o aforo dos establecementos e espazos abertos ao público, e prévese a posibilidade de que nos establecementos se poidan desenvolver máis dun tipo de espectáculo ou actividade compatible entre si

Ademais, especifica o que se entende por espectáculo ou actividade de escasa entidade e clarifícanse os espectáculos e actividades de carácter extraordinario que se desenvolven de xeito esporádico, para os que se fixa un límite máximo de 6 cada ano.

En calquera caso, no suposto de que un espectáculo, actividade ou establecemento non se puidera encadrar nalgunha das tipoloxías que enamora o catálogo, o propio proxecto dispón que a xefatura territorial resolverá a súa asimilación dentro das tipoloxías xa existentes.

Os concellos terán un período de 2 anos para adaptar as licencias en vigor a esta nova normativa, de acordo co solicitado pola Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

13 de maio de 2019 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.