publicidade hoxe

O Goberno galego propón conxelar os prezos das matrículas de graos e avanza un investimento de 5 millóns de euros no impulso da FP dual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego en rolda de prensa

O presidente galego en rolda de prensa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a proposta do Goberno galego de conxelar, por noveno ano consecutivo, os prezos das matrículas de graos e avanzou, ademais, un investimento de preto de 5 millóns de euros no impulso da FP dual.

En relación ao novo decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso 2019-2020, Feijóo subliñou que “Galicia é a comunidade autónoma máis accesible desde o punto de vista de estudios universitarios”.

Un estudante galego aforraría case 340 euros ao curso en matrículas con respecto á media de España. Deste xeito, e no caso dos estudos de grao, o prezo medio manteríase nos 11,89euros/crédito. O que supón para as familias un aforro de 5,66euros/crédito. En Cataluña, por exemplo, o prezo medio está en 33,52euros/crédito.

No tocante aos máster non habilitantes, Galicia seguiría a ser a cuarta máis baixa do Estado cun custe de matrícula de 26,49 euros/crédito. “A media estatal está en 32,24 euros”, dixo. No caso das familias galegas cuxos fillos cursen un máster habilitante o vindeiro curso nas universidades galegas aforrarían unha media de 1.872 euros por curso en comparación coa media estatal.

“En definitiva, estamos a falar dunha medida que supón un aforro de preto de 20 millóns de euros en matrículas para as familias galegas con fillos estudantes universitarios”, abundou.

Aposta pola FP dual

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo destacou tamén a aposta decidida pola formación profesional dual, cun investimento de 5 millóns de euros -a través do plan de dinamización que xa está en marcha- e co obxectivo de incrementar a matrícula un 40% nos próximos dous anos.

Nesta liña, o titular da Xunta precisou que, a través da Rede galega de dinamización da FP dual, coñecida como REGADual, nomeáronse 47 centros dinamizadores en toda Galicia, cun profesor responsable da dinamización no ámbito do seu centro de FP o contacto entre os profesores, as empresas e os alumnos.

“Apostaremos tamén por impulsar novos proxectos, fomentando a colaboración con todo tipo de empresas, independentemente do seu tamaño; con asociacións empresariais e sectoriais, e coas empresas punteiras en sectores estratéxicos para Galicia”, sinalou.

Ademais, eliminarase o límite superior de idade para participar nestes proxectos, que era de 29 anos. E crearase este 2019 o Premio FP Dual Galicia que contará con categorías dirixidas aos titores, ás pemes, ás grandes empresas e ás organizacións .

Outra iniciativa relevante será a de poñer a disposición dos distintos actores recursos e materiais específicos como unha guía para centros, outra para empresas e información ao alumnado. E impulsarase a formación específica dirixida ás persoas dinamizadores de REGADual.

Comedores escolares

Por último, e tamén no eido educativo, o responsable do Executivo autonómico destacou o visto e prace ao prego de prescricións técnicas que rexerá a contratación da xestión de 133 comedores escolares (agrupados en 23 lotes), xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o vindeiro curso 2019/20, por un importe de 18,4 millóns de euros.

Nesta convocatoria valorarase con 5 puntos o uso de produtos de tempada na elaboración dos menús, ao igual que o emprego de produtos lácteos de proximidade. E valorarase tamén que a materia prima empregada na confección dos menús sexa adquirida en establecementos de proximidade.

Así mesmo, as empresas adxudicatarias deberán realizar unha ficha técnica para cada un dos pratos onde se especifiquen certos datos como: a totalidade dos ingredientes, a gramaxe correspondente, a trazabilidade ou a identificación dos provedores das materias primas. E ofrecerán ás familias a programación de menús que se servirán cunha semana de antelación, ben en formato papel ou en formato electrónico.

As empresas adxudicatarias deberán tamén elixir 10, 15 ou 20 menús fixos para a tempada outono-inverno e outros tantos para a primavera-verano, escolléndoos de entre unha relación de menús fixos elaborados e avaliados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

Estes menús cumprirán coa seguinte frecuencia semanal mínima na súa composición: 3 veces/semana: verduras e hortalizas; 2 veces/semana: arroz ou pasta; 1 vez/semana: legumes; 2 veces/semana: peixe; 2 veces/semana: carne; 4/veces semana: froita; 1 vez/semana: sobremesas lácteas.

Ademais, esíxese que a Consellería lle reteña ás empresas o 1% do orzamento da adxudicación que se destinará a auditorías periódicas para comprobar o cumprimento do contrato e a calidade do servizo.

O presidente da Xunta tamén avanzou que para garantir estas melloras auméntase o importe do prezo por menú, pero insistiu en que “isto non se vai a repercutir aos usuarios” e lembrou que “o 81,5% dos usuarios utilizan o servizo de forma gratuíta ou pagando un euro”.

9 de maio de 2019 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.