publicidade hoxe

O Gaiás acollerá en xullo a ‘Maker Faire Galicia’ que pasa de tres a cinco xornadas

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá entre o 3 e o 7 de xullo a quinta edición da Maker Faire Galicia, que volve ao Gaiás enmarcada na programación do seu Centro de Emprendemento Creativo e con dúas novidades: celébrase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasa de tres a cinco días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres.

A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía… un lugar, en definitiva, para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Este ano o evento celebra a súa quinta edición en Compostela co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.

Xornadas profesionais

As tres xornadas enfocadas ao público profesional –que se celebrarán o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura– centraranse en temáticas clave para o futuro da industria e a innovación como mobilidade, enerxía, intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.

A fin de semana –6 e 7 de xullo– abriranse as portas do Museo Centro Gaiás para o público xeral, cunha programación para a cativada, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas actividades programadas e que buscan sorprender os visitantes.

Inscrición de proxectos ata o 31 de maio

Xa está dispoñible na web galicia.makerfaire.com o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio e, de todas as propostas achegadas, farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento o público poderá ademais votar polos mellores proxectos. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

15 de maio de 2019 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.