publicidade hoxe

Medio Ambiente formará a un cento de persoas como guías das Illas Atlánticas para fomentar o ecoturismo no Parque Nacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerdaRiveira
A-
A+
A conselleira Ángeles Vázquez na inauguración do curso

A conselleira Ángeles Vázquez na inauguración do curso

Un cento de persoas recibirán a formación necesaria para converterse en guías especializados no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso do primeiro dos cursos que impartirá o seu departamento este ano para formar desde un punto de vista teórico-práctico a profesionais procedentes de distintas ramas e que busquen afondar nos principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos do arquipélago.

As Illas Atlánticas consolídanse como o parque nacional de España que cada ano forma a un maior número de guías especializados, segundo explicou a conselleira, quen considerou que estes profesionais supoñen “un activo imprescindible” para garantir o dobre obxectivo que guía a actuación do seu departamento, co fin de protexer este espazo natural e contribuír á vez a divulgar os seus principais valores entre veciños e turistas. De feito, o número de solicitudes recibidas para participar é cada vez maior polo que este ano, indicou a conselleira, a Consellería programou a celebración de dous cursos con 50 prazas cada un.

Estas actividades formativas para acreditarse como guías do parque nacional e poder traballar tanto para a administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental, impártense en Galicia desde o ano 2005 e encádranse na aposta da Consellería de Medio Ambiente por potenciar o chamado ecoturismo. Neste sentido, a conselleira indicou que a Xunta debe buscar neste tipo de turismo respectuoso e sustentable un “verdadeiro aliado” para a conservación e a divulgación de todos eses elementos que converten ás Illas Atlánticas na “maior xoia natural” da comunidade.

Entre os principais valores ambientais e paisaxísticos a preservar no parque nacional, Vázquez Mejuto referiuse aos seus 34 hábitats de interese comunitario, ás 158 especies protexidas de flora e fauna catalogadas, ao carácter único dos seus fondos mariños ou á calidade dos seus ceos nocturnos, recoñecidos como destino turístico Starlight desde 2016.

“A natureza é un dos grandes atractivos de Galicia”, resumiu Ángeles Vázquez, para quen a súa promoción, desde o respecto e a protección, é unha das mellores formas de poñer en valor esa “Galicia, natural e única”.

PRUX e visitantes en Semana Santa

Por outra banda, Ángeles Vázquez tamén se referiu á recente entrada en vigor do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional (PRUX), un documento aprobado a finais de 2018 e en vigor desde o pasado mes de febreiro que rexerá este espazo protexido durante a próxima década e marcará a folla de ruta a seguir para xestionalo e preservalo.

Unha das novidades introducidas polo PRUX foi a fixación, por primeira vez, dun cupo máximo de visitantes diarios na illa de Ons, limitación que se empezou a aplicar precisamente esta Semana Santa, como lembrou a conselleira. Tras defender que coa regulación do acceso ás illas o obxectivo principal é preservar todos os valores que as fan especiais e únicas, Ángeles Vázquez lembrou que entre o 12 e o 21 de abril, coincidindo co período vacacional, máis de 11.300 persoas viaxaron ata o parque nacional.

Estas cifras de visitantes dan conta do interese e da capacidade de atracción que ten este espazo natural desde o punto de vista turístico, motivo polo que a conselleira insistiu na necesidade de seguir dando a coñecer toda a súa riqueza natural e sensibilizando sobre a importancia de garantir a súa conservación a todos os galegos e turistas que cada ano o visitan, uns obxectivos para os que resulta moi necesario, remarcou, seguir formando de forma axeitada guías especializados no parque nacional.

3 de maio de 2019 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.