publicidade hoxe

Medio Ambiente abre un período dun mes para presentar achegas e alegacións ao anteproxecto da Lei de Pesca Continental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O anteproxecto da Lei de Pesca Continental iniciará a partir de mañá o seu tramite de información pública. Segundo o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, durante un período dun mes todas as persoas interesadas poderán facer as súas alegacións e suxestións ao documento, que se pode consultar xa a través do portal de transparencia da Xunta.

O anteproxecto da Lei de Pesca Continental de Galicia, que inicia deste xeito a súa tramitación tras recibir o visto bo do Consello da Xunta a semana pasada, prevé converterse no instrumento que estableza medidas efectivas para garantir o relevo xeracional e fomentar a educación e a sensibilización social cara esta práctica deportiva; fomente a pesca sen morte nos ríos galegos, como modelo sustentable; e potencie a pesca como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social do medio rural galego, grazas a unha planificación estratéxica e á optimización da xestión dos recursos existentes.

Entre as principais novidades do anteproxecto que se somete desde mañá a información pública cómpre subliñar a creación das Escolas de Río, co fin de implicar e educar aos mais pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais, favorecendo o relevo xeracional. A posta en marcha destas escolas enmarcarase dentro dunha Estratexia Galega de Educación Ambiental, que incluirá programas de formación e educación na práctica da pesca continental e no coñecemento e respecto dos ecosistemas acuáticos, destinados preferentemente a pescadores noveis.

Co fin tamén de fomentar esta actividade entre os máis mozos, establécese como novidade que os rapaces de ata 14 anos poderán practicar a pesca deportiva e recreativa sen necesidade de licenza e que todos os menores de idade (que queiran solicitala) quedarán exentos do pago de taxas para a súa obtención. Esta última medida tamén se aplicará aos maiores de 65 anos con veciñanza administrativa en Galicia.

Ademais de garantir o relevo xeracional para o sector, a nova lei presta unha atención especial á protección dos nosos ríos, con medidas para preservar as especies piscícolas autóctonas, así como á conservación de actividades tradicionais e características dalgúns tramos. Neste sentido e co fin de mellorar e optimizar os recursos existentes, redactarase un Plan galego de Ordenación da Pesca Continental unha vez aprobada a lei.

Neste plan teranse en conta moitos aspectos que xa recolle a propia normativa para garantir un aproveitamento sustentable, como o feito de que as repoboacións e soltas serán realizadas unicamente con especies autóctonas e contarán cunha planificación previa por parte da Consellería de Medio Ambiente. De feito, por primeira vez unha norma con rango de lei recollerá o sentido do marco normativo básico (estatal e comunitario) sobre a xestión das especies exóticas invasoras, que prevé a posibilidade de adoptar medidas específicas de control e captura sobre as mesmas.

En canto ás actividades tradicionais de pesca continental, o anteproxecto regulará unha especial protección para aquelas que se consideran máis representativas da cultura e da forma de vida tradicional en Galicia, como é o caso das pesqueiras do río Ulla ou as estacadas do Tea, para a pesca da lamprea.

Co mesmo carácter proteccionista, a lei fai unha aposta clara polo fomento da pesca sen morte, un modelo de xestión máis sustentable pero aínda minoritario os ríos da comunidade, polo que o anteproxecto se marca como obxectivo seguir fomentado á súa implantación co fin de que coexista co modelo tradicional extractivo e se acade un equilibrio entre ambos.

Por último, no apartado máis administrativo, o anteproxecto da Lei de Pesca Continental inclúe algunhas novidades. Así, simplificarase a clasificación das categorías de infraccións, priorizando á vez a reparación do dano causado e a reposición da situación alterada ao seu estado anterior, aspectos ser materialmente tan importantes como a mesma tipificación da infracción e a determinación da sanción aplicable.

Neste capítulo tamén cómpre subliñar a introdución dun novo sistema de autoguiado para os reos –unha especie da familia dos salmónidos-, no que o propio pescador será o que comunique á administración os datos das súas capturas co fin de acreditar a súa orixe legal. Trátase dun modelo pioneiro en España pero que xa se está a utilizar noutros países da Unión Europea, e que busca simplificar os controis preceptivos para a captura desta especie, corresponsabilizando ao propio pescador.

8 de maio de 2019 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.