publicidade hoxe

Mañá ábrese o prazo de solicitude das 216 prazas ofertadas en residencias xuvenís da Xunta para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, informou hoxe, durante unha visita á Residencia xuvenil Lug I, de que a partir de mañá e durante un mes a Xunta de Galicia ten aberto o prazo de solicitude de praza nestas instalacións de cara ao vindeiro curso 2019/2020. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta convocatoria na que se poñen a disposición das mozas e mozos 216 prazas na rede autonómica de centros residenciais xuvenís.

Cristina Pichel sinalou que estas prazas diríxense a persoas mozas de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. Así mesmo, explicou que as prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

No que atinxe á distribución da oferta, 87 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, 74 co centro residencial lucense Lug I e 55 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense. A convocatoria contempla a reserva dun 9% das prazas en cada unha destas instalacións para as persoas solicitantes que desempeñan unha actividade profesional, así como para as mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen.

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta aspectos como o feito de xa ter sido residente en anos anteriores, a renda da unidade familiar, a situación de familia numerosa e outras circunstancias sociofamiliares.

Así mesmo, durante a visita a Lugo, a directora xeral tamén se achegou ata o albergue Lug II, pertencente á REAJ (Rede española de albergues xuvenís), onde charlou cos emprendedores mozos que utilizan a zona de coworking.

15 de maio de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.