publicidade hoxe

Máis de 70 entidades representan ao mar de Galicia na feira Seafood Expo Global de Bruxelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Bruxelas a importancia de estar presente en feiras especializadas como a Seafood Expo Global para impulsar a comercialización dos produtos do mar de Galicia. Neste sentido, destacou que nesta edición participan máis de 70 entidades galegas das que 37 van da man da Xunta. Así o sinalou durante a visita a este certame que acolle Bruxelas entre hoxe e o 9 de maio.

Esta presenza, sinalou a titular de Mar, reflicte a aposta de Galicia por acudir a este tipo de eventos co obxectivo de ampliar mercados e de fomentar a internacionalización. Deste xeito, expuxo Rosa Quintana, a Xunta busca achegar a máis lugares os produtos do mar de Galicia, que este ano estarán presentes da súa man nunha ducia de certames.

Nesta liña, a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou que o mar galego estivo representado en eventos como a Seafood de Boston, o Salón Gourmets de Madrid ou Tutto Food Milán e tamén estará noutras feiras que se celebrarán en lugares como Hong Kong, ou Colonia, entre outros.

En canto á Seafood Expo Global de Bruxelas, Rosa Quintana definiuna como un referente mundial no eido do comercio dos produtos marítimo-pesqueiros e dos equipamentos para o procesamento industrial. Isto, engadiu, converte a esta feira nunha plataforma para a difusión da calidade dos peixes e mariscos de Galicia e do bo saber facer da nosa comunidade neste eido.

A conselleira do Mar tamén enxalzou este evento como un trampolín para iniciar ou consolidar a internacionalización das empresas galegas, xa que é unha feira dedicada exclusivamente a profesionais da pesca que no 2018 contou con preto de 2.000 empresas coexpositoras procedentes de 78 países e foi visitada por máis de 29.000 persoas.

Nesta edición a Consellería do Mar está presente cun posto de preto 450 m2 distribuído en dúas illas nas que alberga ás 37 entidades coexpositoras, que son Oversea Atlantic Fish, Pescadona, Peixemar, Baipesca Fish, S.A. Eduardo Vieira, Salgado Congelados, Barlovento, Frigoríficos Iberport, Pescados Hermanos Lijó, Sargopesca, Pesciro, Mar do Suido, Mejillones Nidal, Copemar, Paquito, OR.PA.GU Gourmets, Mariscos Linamar, Copesma, Congelados Videmar, Direct Fish, Mariscos Gilmar, Fergo Fresco, Pablo Iglesias, Frigobotana, Cassua, Frigoríficos de Camariñas, Pescados Vixa, Pasteurizados Cíes, Pescados Rubén, Anfaco-Cecopesca, Fesba, Frigoríficos Arcos, Pereira Productos del Mar, Grupo Profand, Froitomar, Frigomar Burela e Leiro.

Actividades no posto da Xunta

Durante os días da feira o posto da Xunta tamén acollerá diferentes actividades. Hoxe nel terá lugar a presentación e acción de difusión do proxecto da ecoetiqueta da Universidade de Santiago de Compostela pescaenverde, unha marca que ten como obxectivo contribuír á mellor xestión dos procesos produtivos do sector pesqueiro desde o punto de vista ambiental e económico.

Mañá celebrarase a sesión informativa do Observatorio Europeo de Mercado para a Pesca e a Acuicultura (Eumofa) sobre o seu próximo estudo en relación ao polbo na UE. Nela participará a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Neste mesmo día, o posto tamén acollerá a presentación do proxecto Spectuna, liderado por Anfaco-Cecopesca coa participación das empresas Emenasa Industria e Automatismo, Infaimon Visao Artificial e a conserveira La Góndola. Esta iniciativa enmárcase no eido das conservas de atún e ten como fin automatizar e optimizar todas as etapas preparatorias da materia prima, mellorando a capacidade de control da calidade. Ademais, pola tarde, nel celebrarase unha degustación de produtos do mar en colaboración con Anfaco.

Por último, o xoves, terá lugar unha acción sobre o proxecto Interreg Cephs and chefs, que ten como obxectivo desenvolver novos mercados e produtos baseados en cefalópodos (luras, polbos, sepias…), aumentar a rendibilidade da cadea de valor e axudar a que os pescadores sexan máis competitivos na área Atlántica.

7 de maio de 2019 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.