publicidade hoxe

Galicia mobilizará máis de 5M€ para mellorar os parques empresariais de 51 concellos, dos que 32 son Emprendedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.

Do total de proxectos aprobados, a maioría (38) terá como obxectivo mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos, aínda que tamén se desenvolverán iniciativas para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia (6), para plantas de depuración de auga , xestión de residuos e colectores con verquido á depuradora municipal (8) ou instalacións contraincendios e contra roubo de cable (5). Desenvolveranse en 51 concellos galegos -dos que 32 son Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais-.

Entre as iniciativas que se van realizar, destacan a mellora do saneamento do parque empresarial da Gudiña (Ourense); a reparación de viais no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense); ou a mellora de infraestruturas viarias no polígono Augalevada de Noia (A Coruña). Por provincias, dos 57 proxectos incluídos nesta resolución, 21 pertencen á Coruña (1,52M€ en axudas), 15 a Ourense (1,1M€), 11 a Lugo (máis de 0,8M€) e 10 a Pontevedra (máis de 0,6M€).

A resolución súmase á dos viveiros industriais, que nesta edición concedeu 1,5M€ para sete proxectos de construción, reforma ou equipamento de naves industriais destinadas a viveiros industriais de empresas nos que se investirán un total de 2,36M€ e que poderán albergar a 29 compañías e xerar 40 empregos.

Con estas novas axudas, nas que os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

22 de maio de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.