publicidade hoxe

Galicia acolle un seminario sobre avances e retos futuros da loita contra o lixo mariño no marco do proxecto europeo CleanAtlantic

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O lixo mariño e os últimos avances para o seguimento destas verteduras serán o eixo central do seminario que se celebrará mañá xoves na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Organizado pola Fundación Cetmar e o IEO-Vigo no marco do proxecto europeo CleanAtlantic, no que tamén participan USC e Intecmar como institucións españolas, reunirá a diferentes expertos que debaterán sobre o futuro no tratamento destes contaminantes.

As directoras de Cetmar, Paloma Rueda Crespo, e do IEO en Vigo, María Victoria Besada, serán as encargadas da apertura do seminario, prevista para as 9:00 horas, mentres que a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, intervirá na clausura do evento ás 14:00 horas.

Entre medias, o seminario desenvolverase en dúas sesións. Na primeira detallaranse os traballos que están levando a cabo os socios do proxecto CleanAtlantic A loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico, en relación á monitorización e modelado dos refugallos no mar, con participación entre outros de representantes de Cetmar e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Na segunda sesión, a partir do mediodía, presentaranse outras iniciativas que están en marcha en Galicia fronte ao lixo mariño ou as que desenvolven institucións como Gardacostas de Galicia ou o Parque Nacional Illas Atlánticas. A xornada rematará cunha mesa redonda e debate sobre os retos futuros na loita contra o lixo mariño.

Ademais, está prevista a participación dunha profesora e dun grupo de alumnos do Instituto de Secundaria Illa de Arousa, que están a colaborar co Intecmar no seguimento da aparición de palillos de batea nas praias da Illa e na localización de zonas de acumulación de verteduras nos areais, un traballo que se presentará durante o seminario.

Proxecto CleanAtlantic

Financiado polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico da Unión Europea e coordinado pola Fundación Cetmar, CleanAtlantic ten como obxectivo a protección da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos por medio da mellora do coñecemento e das capacidades de prevención, monitorización, modelización e redución do lixo mariño. O proxecto pretende contribuír tamén a concienciar e cambiar a actitude dos actores implicados e a mellorar os sistemas de xestión do lixo mariño.

8 de maio de 2019 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.