publicidade hoxe

Feijóo salienta o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo

Feijóo na visita ao congreso

Feijóo na visita ao congreso

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo.

Durante a inauguración do 21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, Feijóo trasladou o agradecemento e “recoñecemento sincero” aos traballadores do Servizo Galego de Saúde polo seu traballo, dedicación e compromiso e por facelo en todas as frontes -calidade, axilidade, seguridade e legalidade- as 24 horas os 365 días ao ano. “Non deixastes nunca de traballar pola mellora do sistema”, dixo, subliñando que a celebración de actos como este congreso proban que a xestión sanitaria é unha responsabilidade sempre inacabada e sempre en permanente mellora, “porque sempre hai novas patoloxías que atender, novas realidades sociais ás que facer fronte, técnicas e instrumentos que se van quedando atrás e xorden novas formas de organización”.

Ademais de aplicar mellores tratamentos, o responsable do Goberno galego aseverou que innovar significa tamén que os pacientes se trasladen menos veces ao hospital; garantir que poidan trasladar dúbidas aos seus médicos sen necesidade de presenza física; mellor formación para o diagnóstico; mellores procesos asistenciais; melloras para os profesionais; máis información aos pacientes; “e significa tamén aforro económico”, engadiu, referíndose ao proceso de dixitalización das imaxes.

“En definitiva, estamos a falar de vantaxes evidentes e imprescindibles para o futuro da Sanidade Pública”, dixo, lembrando ademais o poder da innovación para o tratamento de dúas realidades sanitarias: o incremento exponencial de pacientes crónicos e a medicina personalizada en determinadas patoloxías.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia do traballo conxunto das administracións e profesionais “para elaborar un amplo informe sobre as solucións que require a Sanidade Pública”, dixo, incidindo en que a mellora do sistema sanitario público esixe a mellora do seu financiamento.

8 de maio de 2019 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.