publicidade hoxe

Feijóo defende un financiamento autonómico inspirado nas necesidades dos territorios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego no foro

O presidente galego no foro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe un financiamento autonómico inspirado nas necesidades dos territorios e poboacións, e non pola presión de formacións insolidarias que ven en cada negociación un paso máis cara a fragmentación. “Defendemos uns servizos públicos que están condicionados pola demografía, a xeografía e a orografía; unha asimetría fundamentada nas necesidades das persoas que viven nas diferentes comunidades e non en privilexios insolidarios”, incidiu, propugnando ademais unhas infraestruturas que cumpran o triplo obxectivo de vertebrar as autonomías, integralas máis en España e acercalas ao resto de Europa.

Durante o encontro especial 10 anos do foro económico: Desafíos socioeconómicos das rexións atlánticas, no que tamén participou o presidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera, Feijóo avogou, xunto a unha política conxuntural, composta por pactos de corto percorrido –pero que non debesen afectar ao núcleo básico do Estado, onde se atopa o desenvolvemento harmónico e xusto dunha nación-, por establecer outra de longo alcance, onde non só participen os partidos, senón tamén as comunidades autónomas en foros multilaterais.

“Nesa política de longo alcance e logros concretos queren estar e estarán Castela e León e Galicia”, dixo, sinalando que son precisamente as autonomías o mellor antídoto contra a insolidariedade que predica o independentismo.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta reivindicou o autonomismo fronte a quen os rexeitan desde posicións extremas, incidindo en que o autonomismo é parte da solución e ha de estar plenamente incorporado ao espazo da moderación. “O contrapunto do independentismo non é un retorno ao centralismo obsoleto senón un robustecemento do autonomismo constitucional”, sentenciou, facendo fincapé na importancia de combater democraticamente políticas que só ven a marxe dereita do mapa de España.

Sobre este punto, e como exemplo, lembrou que o AVE que comparten Castela e León e Galicia foi obxecto de numerosos ataques co pretexto de que unha infraestrutura custosa só debe plantexarse en territorios situados en cabeza dentro dos parámetros económicos.

Diante disto, Feijóo sostivo que un Estado moderno como é o español non pode guiarse por unha “especie de darwinismo” que condene ás nosas rexións, “e menos facelo debido a pactos destinados a soster gobernos necesitados de maiorías suficientes”, matizou.

O presidente da Xunta sinalou que o presente que nos tocou vivir non admite illamentos e advertiu de que esixe con urxencia alianzas. Ao respecto, afirmou que tanto Castela e León como Galicia entenderon esa dinámica crucial para o futuro, non en clave de enfrontamento con outras partes do territorio nacional, senón seguindo a pauta da reclamación serena e a reivindicación ben fundamentada.

“Neste últimos anos marcamos xuntos unha senda que se afasta tanto do silencio ante os esquecementos de que somos obxecto como da algarabía propia dos nacionalismos excluíntes”, lembrou, afirmando que Galicia síntese partícipe dunha política que, lonxe de dicir que o Estado sobra, afirma que o Estado falta cando desatende os desequilibrios territoriais.

Feijóo concluíu a súa participación no foro económico facendo fincapé en que España intérnase nun período de incertezas no que son máis necesarias que nunca a centralidade e a moderación. “En ocasións esquécese que ambas virtudes son amplamente maioritarias en comunidades como Castela e León e Galicia”, aseverou.

6 de maio de 2019 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.