publicidade hoxe

Feijóo avoga por unha administración que facilite e apoie que os produtores rurais se unan para ser máis competitivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaMelidePortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita ás instalacións de Nutripor

O presidente galego na visita ás instalacións de Nutripor

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, durante unha visita á firma Nutrimentos Porcinos, S.A. (Nutripor), por unha Administración que facilite e apoie que os produtores rurais se unan para ser máis competitivos, referíndose á cooperación como “a fórmula clave para garantir o desenvolvemento e o futuro do rural”, aseverou.

Ao respecto, destacou a traxectoria de Melisanto, unha cooperativa de 630 socios e 37 anos de historia que se fixo máis forte apostando por Clun que agrupa, ademais, a Feiraco e Irmandiños, xestionando o 15% do negocio lácteo galego. “Esa unión tradúcese nunha maior eficacia e nun potencial moi importante para posicionarse no mercado”, abundou.

Así mesmo, subliñou que é a unión tamén no eido dos pensos a que fai que Galicia sexa a quinta comunidade en produción de España, con case 3.000.000 toneladas. O presidente da Xunta afirmou que este potencial aumenta grazas a Agafac, a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos; non en van as 36 fábricas que a compoñen aglutinan o 85% da produción total de Galicia.

Nesta mesma liña, lembrou que grazas a esta cooperación entre produtores impulsouse a Fundación Instituto Tecnolóxicos do Penso ou a entidade empresarial Seguridade Alimentaria do Noroeste, de xeito que Galicia ofrece as máximas garantías sobre un produto que ten tanta incidencia na produción de carne e, por conseguinte, na alimentación.

Durante o acto, Feijóo incidiu no incuestionable potencial do rural galego e a súa rendibilidade, como proban numerosos exemplos en moitos sectores como: o lácteo, xa que Galicia nunca produciu tantas toneladas de leite como agora, o sector do viño, un gran expoñente do produto de calidade galego e da súa capacidade de internacionalización; o sector forestal, xa que a metade das cortas de toda España se realizan na Comunidade; o sector da pesca, onde Galicia segue sendo a primeira rexión europea nesta materia; ou o sector da conserva. “Temos un sector rural -forestal, lácteo, cárnico, vitivinícola, conserveiro e de pesca moi potente”, dixo incidindo en que o mellor antídoto contra a despoboación é poñer en valor o sector primario.

Por último, o responsable do Executivo autonómico concluíu facendo fincapé na importancia de seguir apoiando a remuda xeracional como panca necesaria para modernizar o rural e preparalo para os retos que veñen.

13 de maio de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.