publicidade hoxe

Feijóo: “a cuarta edición de FP Innova constata que a formación profesional é sinónimo de oportunidades, innovación e emprendemento”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita ás exposicións

O presidente galego na visita ás exposicións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a cuarta edición de FP Innova constata que a formación profesional é sinónimo de oportunidades, innovación e emprendemento.

“FP significa oportunidade, tanto para os máis novos que están no momento de decidir o seu futuro como para as persoas que queren reciclarse; significa emprendemento e significa, por suposto, innovación como proban os 36 proxectos que se presentan nesta feira e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado”, dixo, subliñando que os visitantes desta feira tamén poderán experimentalo en primeira persoa, coa participación nalgún dos 28 obradoiros sobre eidos tan diversos que van desde a robótica aplicada, os vehículos non tripulados ou as técnicas culinarias.

“Poderán coñecer, por exemplo, unha cámara frigorífica de conxelación ecolóxica, un proxecto de impresión 3D para estruturas metálicas industriais, trampas eléctricas selectivas para a avespa asiática ou un frigorífico domótico mediante software e hardware libre. Proxectos, en definitiva, encamiñados a grandes retos de futuro como a vivenda intelixente”, abundou.

Feijóo destacou a importancia deste tipo de eventos como escaparates para coñecer de primeira man todo o que se pode conseguir a través deste modelo de formación. E agradeceu a disposición dos alumnos e docentes que traballaron arreo para levar adiante os proxectos que se coñecerán durante a feira; das empresas, que entenden a FP como un obxectivo compartido que ten potencial para facer país; e das comunidades autónomas que enviaron representación institucional e que converten Galicia no epicentro da FP durante estes días.

Ademais dos participantes, o titular do executivo autonómico agradeceu tamén o interese dos visitantes, baixo a previsión de que esta 4ª edición superará a cifra dos 7.000.

8 de maio de 2019 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.