publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza que a prolongación da autovía da Costa da Morte deixará previsto o punto de entronque para que Fomento execute a conexión co polígono empresarial de Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención da conselleira Ethel Vázquez no Parlamento

Intervención da conselleira Ethel Vázquez no Parlamento

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte deixará previsto o punto de entronque para que o Ministerio de Fomento poida realizar a futura conexión co polígono empresarial de Vimianzo.

Vázquez Mourelle explicou que dando cumprimento ao acordado polo Parlamento, a Xunta de Galicia xa ten feito o estudo sobre a posible execución deste futuro ramal que uniría o que será a prolongación da autovía e o parque empresarial, e confirmou que os resultados da avaliación da Axencia Galega de Infraestruturas determinan a viabilidade técnica desta nova conexión.

Sinalou que aínda que é deber do Ministerio de Fomento executar e pagar esa nova vía de conexión desde a autovía co polígono de Vimianzo, que é un parque empresarial dependente do Goberno central, a Xunta dará todas as facilidades para que, en canto se decidan a facer ese novo viario o poida facer sen ningún tipo de problema.

De feito, incidiu, o departamento de Infraestruturas recollerá xa no seu proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte o punto de entronque para ese posible ramal futuro que conduza ao polígono empresarial. E dixo que tamén deixará todo preparado, incluso previstas as expropiacións e o movemento de terras, para o enlace na autovía desa nova conexión co polígono a executar por Fomento.

Tamén indicou que, en cando se teña aprobado definitivamente o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Monte, darase inmediato traslado a Fomento do estudo de viabilidade realizado.

Ethel Vázquez amosou a súa confianza en atopar a disposición por parte do Ministerio de Fomento para executar esa nova conexión, que lle corresponde facer, é a súa responsabilidade e, desde logo, sería positiva para a competitividade da zona, remarcou. E avogou por contar co apoio dos grupos parlamentarios da oposición para esixirlle ao Ministerio de Fomento que execute e pague ese enlace.

8 de maio de 2019 | 15:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.